'Atardecer no Gaiás' despídese esta semana coa cumbia de Marinah, as retranqueiras versións de De Vacas e o soul de Best Boy

Os derradeiros solpores musicados desta edición arrancan o xoves coa mestura de flamenco e cumbia da que foi cantante durante 13 anos de Ojos de Brujo

Dúas formacións galegas estarán no peche, ratificando a aposta do ciclo por darlle visibilidade ao sector musical da Comunidade

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2019

Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán e de balde da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, di esta semana deica logo ata o ano que vén con tres concertos este xoves, venres e sábado de Marinah, De Vacas e Best Boy, respectivamente. Unhas actuacións —de balde e ás 21 horas— que resumen o espírito da edición de 2019, na que se apostou por darlle visibilidade ás voces femininas; ofrecer unha cocteleira de estilos variados; e servir de escaparate das tendencias musicais actuais, nacionais e galegas, como é o caso dos dous grupos cos que se pecha.

Atardecer no Gaiás 2019 comeza a despedirse estes xoves, día 15, coa que foi compositora e cantante durante 13 anos do mítico grupo catalán Ojos de Brujo, Marina Abad. Agora actúa en solitario e baixo o nome artístico de Marinah para traer ao Escenario Alhambra cancións rumbeiras que se desenvolven comodamente entre o flamenco, a rumba, o reggae e o flamenco; e tamén entre os estilos afros e de música latina.

Toda unha cocteleira de estilos coas que esta solvente cantante convidará ao baile, a través de letras feministas e cheas de sororidade, nas que reivindica “sen pausa, pero bailando” derrubar clixés e prexuízos de xénero, de razas e tamén de mestura de sons e ritmos nos que non falta nin a cumbia, nin o hip hop, nin o trap.

Grupos galegos para o peche

A semana de peche do ciclo terá continuidade o venres coas De Vacas. Este cuarteto galego —composto polas vocalistas Paula Romero, Inés Salvado, Faia Díaz e o guitarrista Guillerme Fernández— despregarán na praza exterior da Cidade da Cultura o seu abano amplo de brillantes versións melódicas, e en galego, de hits internacionais e de todos os estilos.

Coñecidas polas súas versións retranqueiras de Beyonce, Marta Sánchez ou Luis Fonsi, de xeito recente fixeron viral nas redes sociais a versión na que puxeron en conexión o Malamente da cantante catalá Rosalía cun poema da escritora galega máis universal, Rosalía de Castro, co tema Rexurdimente. Todos estes temas poderán escoitarse no penúltimo Atardecer no Gaiás deste ano, no que vai ser difícil non sumarse en coro aos retrousos de cancións tan populares e coñecidas.

O soul, o jazz e o bluegrass de Best Boy será o alfinete de acougo preciso para o ciclo, no que predominaron os ritmos de baile. A banda de Tui transmite coas súas composicións calma e repouso para acompañar o agocho do sol do sábado desde a Cidade da Cultura. Unha boa onda a que transmiten os seus temas que suporá un peche axeitado aos 20 concertos deste Atardecer no Gaiás, que compuxeron desde o 4 de xullo e ata este 17 de agosto, unha banda sonora ecléctica para os solpores deste verán.

Toda a información de grupos e artistas está dispoñible en www.cidadedacultura.gal e en www.atardecernogaias.gal.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/08/2019