A Xunta achega máis de 50.000 euros para completar as obras de restauración na igrexa de Santa Baia de Palio

Actuarase na policromía mural e do presbiterio, no arco triunfal e na nave principal desta igrexa, incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2019

A Xunta de Galicia iniciou a licitación para completar as obras de restauración na igrexa de Santa Baia de Palio, en Lalín. Trátase dunha fase na que se actuará na pintura mural e do presbiterio, no arco triunfal e na nave principal desta igrexa, incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

Concretamente, os traballos que se levarán a cabo teñen por obxectivo reparar os danos na policromía mural, causados por factores antropoxénicos e por graves deficiencias arquitectónicas, e solucionar os problemas de encalado e ocos entre o morteiro e o muro, que, debido as súas dimensións, afectan principalmente ao arco triunfal. Ademais, tamén se actuará nos desencalados parciais que produciron a perda de policromía, na perda de adhesión da capa de cor, nas pátinas de biodeterioro e nas costras salinas.

Para desenvolver estes traballos, a Xunta de Galicia achegará máis de 50.000 euros. Esta cifra súmase a inversión de preto de 130.000 euros que a Administración autonómica xa realizou neste templo e que permitiu descubrir as pinturas murais no muro este do presbiterio.

Cómpre lembrar que a igrexa de Santa Baia de Palio é un exemplo de arquitectura único na comarca do Deza debido a súa temperá datación, e á xa presente advocación no século XI. O templo, como é habitual das edificacións da época, correspóndese cunha construción sinxela composta por unha nave rectangular unida a unha ábsida de menor anchura e de planta igualmente rectangular.

Data de actualización: 12/08/2019