A Xunta colaborou en prazo en todas as peticións de cobertura de prazas da Policía Local de Gondomar

En febreiro cubríronse 4 prazas de auxiliares a través das listas de agarda unificadas

En xuño convocáronse as tres prazas de axentes de Policía Local comunicadas polo Concello

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2019

A Xunta, a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), colaborou co Concello de Gondomar en todas as peticións que realizaron para a cobertura de prazas do seu corpo de Policía Local.

O Concello de Gondomar asinou en marzo de 2018 o convenio de delegación de competencias para a selección de auxiliares e axentes de Policía Local. Nese ano, cando se realizaron as primeiras convocatorias, non formalizou ningunha solicitude de prazas.

A principios deste ano, desde o Concello remitiron a documentación para convocar as prazas de 4 auxiliares, petición que posteriormente anularon e pasaron a cubrir a través das listas de agarda unificadas. Solicitaron a designación un 20 de febreiro e cubríronse o 23 de febreiro: isto é, tres días. A solicitude realizada foi de 6 meses, o que quere dicir que a contratación é ata setembro deste ano, sen que na AGASP conste ningunha renuncia por parte do Concello.

Con respecto ás prazas de Policía Local, o Concello pediu a convocatoria de tres: 2 por oposición libre e 1 por mobilidade. Ambas están incluídas na orde do DOG do 19 de xuño, da que en breve se publicará a lista provisional de admitidos. Polo tanto, a petición está atendida e as prazas convocadas.

No día de hoxe, 12 de agosto, entrou unha nova petición para cubrir 4 prazas de auxiliares a través das listas de agarda. A partir de agora, é preciso seguir a tramitación habitual, requirir a documentación e proceder a facer as designacións.