A Xunta lembra que o prazo para pedir as axudas para fomentar a inserción laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero no ámbito agroforestal está aberto ata o 23 de agosto

Estas subvencións van destinadas ao financiamento da contratación deste colectivo por parte de empresas, entidades asociativas e persoas titulares de explotacións dos sectores agrario e forestal

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2019

Os interesados nas axudas para fomentar a inserción laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero no ámbito agroforestal, que convoca a Consellería do Medio Rural, teñen de prazo ata o vindeiro venres, día 23 de agosto, para solicitalas.

Estas subvencións, convocadas en réxime de concorrencia non competitiva, van destinadas ao financiamento da contratación deste colectivo por parte de empresas, entidades asociativas e persoas titulares de explotacións dos sectores agrario e forestal en Galicia.

A orde que as regula foi publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado día 23 de xullo e poden beneficiarse delas as devanditas entidades, empresas e cooperativas que cumpran os requisitos establecidos e que contraten, con carácter temporal, a mulleres vítimas de violencia de xénero inscritas como demandantes de emprego ou de mellora do seu posto de traballo no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Estas achegas ofrecen moitas vantaxes para os beneficiarios, entre elas que a contratación non lles suporá custo algún, xa que será cuberta na súa integridade pola subvención. Ademais, o cumprimento do obxecto da axuda conséguese coa sinatura do contrato, polo que a entidade cobrará a totalidade da axuda ao inicio deste.

As subvencións están financiadas no presente exercicio cun orzamento total de 600.000 euros e enmárcanse nas medidas incluídas dentro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que en Galicia coordina a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Precisamente este departamento da Xunta asinou acordos de colaboración coa Consellería do Medio Rural para xestionar directamente estas axudas, de maneira máis eficaz e eficiente.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/08/2019