O conselleiro do Medio Rural supervisou os traballos de roza que se están levando a cabo nas parroquias priorizadas de Soutomaior
A Xunta entrega a todos os concellos adheridos ao convenio de protección das aldeas a aplicación informática que lles permite coñecer as parcelas que integran as faixas secundarias

José González explicou que nesta aplicación aparece tamén o propietario de cada un destes terreos e cúmprese así outro piar fundamental do acordo

Avanzou que a día de hoxe hai uns 350 contratos asinados con particulares para executar a limpeza de faixas en 1.100 predios, unha cifra que medrou na última semana por riba do 52% no caso dos contratos e en case un 45% no dos predios

Lembrou que xa son case 220 os concellos que solicitaron a súa adhesión ao convenio e 97 plans municipais de prevención e extinción de incendios os entregados aos concellos correspondentes

Soutomaior (Pontevedra), 14 de agosto de 2019

A Consellería do Medio Rural entregou a todos os concellos adheridos ao convenio de protección das aldeas a aplicación informática que lles permite coñecer aos propietarios e iniciar a remisión de requerimentos para iniciar a limpeza de xeito subsidiario, en relación coas parcelas que integran as faixas secundarias. Así o adiantou o conselleiro José González durante unha visita ao concello de Soutomaior, para supervisar os traballos de roza que se están levando a cabo nas parroquias priorizadas deste municipio pontevedrés, acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto.

Segundo explicou José González, esta nova aplicación, creada pola Xunta ex profeso para este fin, facilitará moito aos gobernos locais a execución das súas competencias neste ámbito, algo co que se comprometera a Xunta ao abeiro do acordo. En concreto, aclarou o conselleiro, poderán realizar as notificacións masivas previas á acción subsidiaria, aos propietarios que incumpran as súas obrigas de xestión da biomasa nos seus terreos.

Así, o conselleiro explicou que un dos maiores problemas cos que se atopaban os gobernos locais era o de identificar estes terreos e, a continuación, ao seu propietario. Agora, segundo sinalou o titular de Medio Rural, todo o relacionado coa tramitación administrativa queda solucionado con esta aplicación. Polo tanto, grazas a esta ferramenta, os técnicos municipais poderán realizar as inspeccións sobre o terreo e, en caso de que o propietario non cumprise coas súas obrigas de limpeza de biomasa, proceder ao correspondente aviso ou resolución. Así mesmo, José González trasladou que, no caso concreto das parroquias priorizadas, as notificacións de resolución comezarán de xeito inmediato para proceder á limpeza de forma subsidiaria naqueles terreos nos que o particular non se teña adherido ao convenio nin realizado a roza.

Durante a súa visita, o conselleiro fixo un balance positivo do convenio de protección das aldeas en base aos últimos datos. Así, José González sinalou que a implementación do convenio tras a firma da súa addenda (efectuada o pasado 15 de abril) e os encontros organizados pola Xunta -cos alcaldes e cos veciños- na materia, provocaron que os propietarios de parcelas nas parroquias priorizadas se sumasen ao sistema público de xestión da biomasa ao abeiro do convenio a través da sinatura dos correspondentes acordos.

En concreto, o titular de Medio Rural adiantou que a Xunta ten asinados uns 350 contratos con particulares para executar a limpeza de faixas en 1.100 predios a través do convenio e esta cifra ascende cada día, unha cifra que medrou na última semana por riba do 52% no caso dos contratos e en case un 45% no dos predios. Neste sentido, tamén lembrou que segue a medrar o número de concellos interesados no sistema público de xestión de biomasa e a día de hoxe xa son arredor de 220 os municipios que solicitaron sumarse. Ao tempo, o conselleiro tamén lembrou que ademais a Xunta xa entregou 97 plans municipais de prevención e extinción de incendios a outros tantos concellos.

A maiores, José González apuntou que tamén no marco deste convenio xa está declarada a primeira “aldea modelo” de Galicia (Osmo, no concello ourensán de Cenlle). E puxo en valor que hai arredor doutros dez municipios interesados nesta iniciativa, que permitirá optimizar a xestión da biomasa preto das vivendas en todos eses núcleos de poboación, ao tempo que se fomenta a creación de actividade agrogandeira nesas faixas.

Limpeza en Soutomaior

No caso concreto do municipio pontevedrés de Soutomaior, José González sinalou que, polo de agora, 25 particulares deste concello asinaron o convenio para realizar a limpeza en case 70 parcelas. Cabe lembrar que os donos destes terreos pagarán un prezo vantaxoso de 35 euros por cada mil metros cadrados rozados.

Así, o municipio de Soutomaior conta con máis de 300 hectáreas situadas nas faixas secundarias en dúas parroquias priorizadas -a de Arcade e a de Soutomaior-, converténdose no único concello de Galicia ao que se lle limpará completamente o seu perímetro. Nesta liña, reiterou que naquelas parcelas nas que os propietarios non se teñan adherido ao convenio nin cumprido coa súa obriga de limpar os seus predios, a administración entrará a traballar de xeito subsidiario.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 14/08/2019