Os hoteis concentran o 70% da demanda turística de Galicia e incrementan a súa achega económica na última década

O conselleiro de Cultura e Turismo e a directora da Axencia Turismo de Galicia presentaron un estudo que reflicte que a nosa Comunidade suma na actualidade 907 hoteis e 54.690 prazas, a maior parte delas en hoteis de catro estrelas

O número de turistas que se aloxan en establecementos hoteleiros aumentou un 23% desde 2009 e xa realizan preto de 8,5 millóns de pernoitas anuais

O 81% dos concellos galegos conta con hoteis ou pensións no seu territorio, entre os que destacan Sanxenxo, Santiago, Vigo, A Coruña e O Grove

Román Rodríguez salientou o peso na nosa economía deste sector que mellorou os seus ingresos no primeiro semestre tras pechar 2018 con case 300 millóns

Máis de 600 establecementos pódense beneficiar das axudas do Goberno galego para realizar melloras de accesibilidade, innovación ou aforro enerxético
 

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2019

O número de hoteis galegos medrou máis dun 8% na última década, pasando dos 839 establecementos rexistrados no 2009 aos máis de 900 que existen na actualidade. Así se reflicte no informe Dinamismo do sector hoteleiro en Galicia 2009-2019 que presentaron hoxe o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro. Del se desprende que os hoteis concentran o 69% da demanda turística da Comunidade, é dicir, que de cada dez pernoitas que realizan os turistas, sete teñen lugar en hoteis.

Ao longo deste tempo, o número de turistas aloxados en establecementos hoteleiros aumentou un 23%, pasando de 3,4 en 2009 a case 4,2 en 2018. Ademais, a cifra de pernoitas que realizaron estivo preto dos 8,5 millóns, o que supón unha suba do 13,7%.

Segundo o estudo presentado, e baseado en datos oficiais do Instituto Galego de Estatística (IGE) e do Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia (REAT), a nosa Comunidade conta na actualidade cunhas 2.800 prazas hoteleiras máis que hai dez anos, o que o sitúa preto dun total de 55.000. Neste sentido, o titular de Cultura e Turismo da Xunta sinalou que estes datos reflicten o “peso específico” do sector hoteleiro na nosa economía, así como a súa capacidade para adaptarse “aos cambios dos últimos anos” grazas a súa aposta permanente pola mellora da calidade e da competitividade.

Na rolda de prensa celebrada no Hotel Oca Puerta del Camino, ambos dirixentes anunciaron, así mesmo, a resolución da convocatoria de axudas por valor de 1,2 millóns de euros a 70 establecementos para acometer melloras de modernización, accesibilidade ou aforro enerxético no marco do Plan MAT de Mellora de Aloxamentos Turísticos, ao que o Goberno autonómico está a destinar máis de 5 millóns de euros en dous anos.

Evolución e reparto xeográfico

Román Rodríguez explicou que o incremento no número de establecementos se rexistrou na meirande parte das categorías de aloxamento, acadando especialmente unha maior evolución nos hoteis de catro estrelas, que medraron máis dun 30%, algo que reflicte “a crecente profesionalización do sector e a súa aposta pola excelencia”.

Do mesmo xeito, as catro provincias teñen hoxe máis hoteis que hai dez anos, especialmente A Coruña e Lugo, cun incremento do 13,3% e do 10,4%, respectivamente; seguidas de Ourense e Pontevedra, cun alza do 9,4% e do 3,8%. Esta tendencia á alza reflíctese tamén no número de prazas ofertadas, que medraron un 7,5% no caso de Lugo, un 7,6% na provincia de Ourense e un 5,5% e un 4,4% na Coruña e Pontevedra.

A provincia pontevedresa encabeza a clasificación tanto no número de prazas como no de establecementos, con 25.780 repartidas en 407 negocios. En segundo lugar atópase A Coruña, con 18.357 en 280 hoteis. Pola súa banda, Lugo conta con 6.285 prazas repartidas en 127 establecementos e Ourense con 4.538 nun total de 93 hoteis.

O estudo presentado hoxe amosa ademais a pegada do sector en toda a xeografía galega. Así pois, segundo os datos expostos polo titular de Cultura e Turismo, preto o 59% dos concellos contan con algún hotel dentro do seu territorio, mentres que se falamos de establecementos hoteleiros en xeral (hoteis e pensións) a cifra sitúase por enriba do 80%. “Isto amosa a gran implantación do sector en toda Galicia, con presenza no rural e ámbito no urbano, nas zonas de costa e no interior”, remarcou.

Influencia no ámbito rural

Este feito, como concretou Román Rodríguez, permite avanzar “en dúas das liñas estratéxicas da Xunta en materia turística”, como son a descentralización da oferta, “facendo que cada vez cheguen máis viaxeiros a toda Galicia”, pero tamén na desestacionalización do turismo, “favorecendo que cheguen turistas en calquera época do ano para gozar dos distintos valores de cada territorio”.

No que respecta á oferta por concellos, Sanxenxo é o que acumula un maior número de prazas hoteleiras seguido de Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña e O Grove. Por outra banda, o indicador que mide as prazas hoteleiras por cada 100 habitantes amosa que o municipio cunha maior oferta en relación á súa poboación é Mondariz-Balneario, debido “ao pulo do turismo termal”. Ségueno concellos como Sanxenxo e O Grove e outras vilas do rural lucense e ourensán como Pantón, Lobios ou Cenlle, “o que amosa a importancia do sector hoteleiro á hora de fixar poboación e crear postos de traballo estables e de calidade nos concellos do rural”, declarou o conselleiro.

Máis ingresos e máis competitividade

Román Rodríguez puxo como exemplo do “dinamismo” do sector hoteleiro galego o aumento do 10,2% nos seus ingresos durante o primeiro semestre do ano, superando a cifra dos 118 millóns de euros. “Temos un sector máis rendible e competitivo, capaz de xerar máis emprego de calidade durante todo o ano e en toda Galicia”, destacou.

De manterse esta tendencia, remataría o ano superando o volume de negocio do ano pasado, cando rozou os 300 millóns de euros de ingreso, un 38% máis que hai un lustro.

Neste sentido, lembrou a aposta do Goberno autonómico por impulsar un turismo vencellado á calidade e á excelencia, así como á profesionalización e á mellora da competitividade do sector “favorecendo que os nosos viaxeiros queden máis tempo na Comunidade, realicen un maior gasto e xeren máis riqueza”.

Plan MAT de Mellora de Aloxamentos Turísticos

Román Rodríguez lembrou que a aposta por un turismo de calidade é un dos principais obxectivos do Plan MAT de Mellora de Aloxamentos Turísticos, unha estratexia que ten como obxectivo favorecer a renovación e modernización dos establecementos da Comunidade coa ollada posta no “gran reto” que para o sector suporá a celebración do próximo Xacobeo 21, unha cita na que a Xunta está a traballar intensamente.

Precisamente, avanzou a resolución dunha liña de axudas dentro deste plan dotada con máis de 1,2 millóns de euros que beneficiarán a 70 establecementos de toda Galicia e mobilizarán 4 millóns de euros. Este investimento permitirá acometer, entre outras actuacións, melloras de accesibilidade, modernización de instalacións, innovación, prestación de servizos ou aforro enerxético.

Pontevedra recibe o 54% das axudas

A meirande parte das axudas, un 54%, se concentran na provincia de Pontevedra, mentres que máis dun 66% das subvencións se destinan á mellora de hoteis, aínda que tamén acadan ao turismo rural, pensións, cámpings, apartamentos e albergues.

A este investimento, puntualizou o conselleiro, cómpre sumarlle un millón de euros adicional que a Consellería de Cultura e Turismo xa investiu o pasado 2018 en axudas a 54 empresas do sector para acometer actuacións de melloras en infraestruturas de establecementos turísticos de aloxamento de toda Galicia. Así mesmo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria habilitou, como parte do programa Reforma Tur, 3 millóns de euros dirixidos a 500 establecementos. En conxunto, desde 2018 o Goberno galego está a colaborar coa renovación de uns 625 establecementos cunha partida de 5 millóns de euros.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/08/2019