Cores Tourís clausura o obradoiro "A Estrada 2018" no que se formaron 20 desempregados en albanelería e xardinería

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra recordou que a administración autonómica está a destinar preto de 65 millóns de euros para mellorar a cualificación de case 16.800 persoas desempregadas a través de 1.100 cursos que se levarán a cabo entre 2019 e 2020

A Estrada (Pontevedra), 19 de agosto de 2019

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, clausurou esta mañá que o obradoiro “A Estrada 2018” no que se formaron 20 desempregados do municipio en albanelería e xardinería. No acto estivo acompañado do concelleiro Juan Constela e do xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial.

O obradoiro da Estrada, denominado “A Estrada 2018”, contou con 20 alumnos e unha achega da administración autonómica de 288.807 euros. Estivo centrado en construción e xardinería, polo que os alumnos realizaron prácticas levando acabo arranxos das casas escola do rural así como con actuacións en xardíns do concello.

A principal novidade desta nova modalidade é que os participantes puideron combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas de polo menos tres meses máis nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro: “Tratamos así de combinar formación e aprendizaxe coa oportunidade dunha experiencia laboral”, explicou Cores Tourís. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.

Os obradoiros duais forman parte do compromiso da Xunta coa formación, xa que, segundo o delegado territorial, esta é a chave que pode abrir as portas a un futuro de oportunidades laborais. Así, o Goberno galego inviste este ano 135 millóns de euros en medidas centradas na orientación e na cualificación para favorecer o acceso dos galegos e galegas ao mercado laboral, con cursos que se adapten aos novos perfís profesionais e ás demandas e necesidades reais do tecido empresarial.

“Con estes obradoiros cumprimos un dobre obxectivo: obter unha maior empregabilidade dos nosos desempregados e facilitar a recuperación do patrimonio cultural e paisaxístico”, engadiu José Manuel Cores Tourís.

O delegado territorial recordou que xa son 7 os obradoiros aprobados dende o ano 2009 na Estrada, “o que supón un investimento en formación por parte da Xunta de Galicia que supera o 1,5 millón de euros”.

En total desenvolvéronse no presente ano 26 obradoiros na provincia, 18 duais e 8 dirixidos a mozos de menos de 25 anos, nos que participaron 487 alumnos. No caso dos obradoiros duais, a novidade foi a combinación dun contrato de formación e de aprendizaxe durante nove meses. O investimento na provincia para obradoiros rondou os 6,4 millóns de euros.

Compre lembrar que a Administración autonómica está a destinar preto de 65 millóns de euros para mellorar a cualificación de case 16.800 persoas desempregadas a través de 1.100 cursos que se levarán a cabo entre 2019 e 2020. En canto aos obradoiros de emprego, entre 2019 e 2020 levaranse a cabo 80 programas mixtos de formación e emprego a través dos cales 1.500 desempregados recibirán formación e accederán a un posto de traballo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/08/2019