Balseiro clausurou o obradoiro de emprego no que se formaron 20 persoas dos municipios de Begonte, Friol e Rábade

O delegado territorial de Lugo sinalou que a Xunta investiu 317.400 euros nesta iniciativa, centrada en especialidades relativas á construción e á xardinería

Os participantes acondicionaron dous locais sociais, construíron beirarrúas e melloraron zonas verdes, entre outras tarefas

Begonte (Lugo), 20 de agosto de 2019

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, clausurou hoxe o obradoiro de emprego que compartiron os concellos de Begonte, Friol e Rábade e que proporcionou formación e emprego a unha vintena de persoas durante os últimos nove meses.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu 317.400 euros nesta acción formativa, centrada nas especialidades Revestimentos con pezas ríxidas por adherencia en construción -con 6 alumnos en Begonte e 4 en Rábade-, Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización -5 alumnos en Friol- e Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería -2 alumnos en Begonte, outros tantas en Friol e un en Rábade-.

O delegado lembrou que o obxectivo prioritario dos obradoiros é mellorar a empregabilidade dos participantes coa adquisición de habilidades teóricas e prácticas en áreas con boas perspectivas de integración no mercado de traballo.

Neste sentido, os alumnos realizaron traballos acordes coa especialidade elixida. Así, en Begonte renovaron a cuberta do local social de San Vicente da Pena (a antiga escola unitaria) e o interior da planta baixa do de Baamonde, e melloraron os xardíns e zonas verdes da contorna do centro médico, os colexios de Begonte e Baamonde, o polígono industrial ou a praza de Baamonde.

En Friol acometeron unha fase da construción de beirarrúas na marxe esquerda do tramo urbano da estrada LU-231 (Friol-Palas de Rei) e traballos de xardinería na zona do club fluvial o vello campo da feira, o centro de saúde, o colexio, o concello, ou as dúas áreas verdes do parque empresarial Monte da Gándara, con formación de vías peonís, sementeira de céspede, e plantación de árbores autóctonas e especies arbustivas.

En Rábade, os participantes do obradoiro repararon e ampliaron a beirarrúa na marxe dereita da estrada N-VI, e acondicionaron a existente na rúa Rosalía de Castro, fronte ao instituto Río Miño. Tamén se melloraron espazos verdes na contorna do campo de fútbol, o polígono industrial o da antiga casa consistorial da localidade.

Nos últimos meses desenvolvéronse na provincia 20 obradoiros de emprego, que executaron obras de mellora en máis de 150 instalacións e espazos públicos de 50 concellos; supuxeron un investimento da Xunta de 5,5 millóns de euros e sumaron 472 contratacións. Xa está en marcha unha nova convocatoria deste programa polo que proximamente poranse en marcha novos proxectos nos municipios lucenses.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/08/2019