O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que regula a concesión destas subvencións
A Xunta abre o prazo de solicitude de axudas para a creación de escolas infantís en contornos laborais, que se estende ás cooperativas agrarias e confrarías de pescadores

Esta nova orde de subvencións, a cuarta desde a implantación da iniciativa en 2016, ascende a 800.000 euros

Subvencionarase ata o 100% do custe total do investimento realizado, cun límite de 200.000 euros para as escolas que conten con tres ou máis unidades e 41 ou máis prazas, e 150.000 para os centros máis pequenos
 

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2019

A Xunta de Galicia abre mañá e durante un mes o prazo de presentación de solicitudes para acollerse á nova convocatoria de axudas para a creación de escolas infantís en polígonos industriais e outros contornos laborais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que regula a concesión destas axudas, que nesta ocasión introduce como novidade a súa extensión a outros espazos de traballo colectivo, como as entidades asociativas de cooperativas agrarias e as confrarías de pescadores.

Esta nova convocatoria, en vigor para este ano e o que vén, conta cun orzamento total de 800.000 euros. Subvencionarase ata o 100% do custe total do investimento realizado, cun límite de 200.000 euros para as escolas infantís de tres ou máis unidades e 41 ou máis prazas, e 150.000 para os centros máis pequenos.

As actuacións que se poden acoller a estas achegas son a realización do proxecto básico e de execución, o acondicionamento da parcela e a construción ou reforma do inmoble destinado a escola infantil, e o equipamento da mesma. Neste último inclúese mobiliario, material didáctico e de xogo.

Ao abeiro desta iniciativa, en vigor dende 2016, financiouse a construción de tres escolas infantís en polígonos industriais, cun total de 176 prazas de atención á infancia. Dúas delas xa están en funcionamento: a do polígono Río do Pozo, en Narón, con 61 prazas; e a do polígono de Mos, con 74. A terceira, emprazada no polígono da Tomada, na Pobra do Caramiñal, dispón de 41 prazas e entrará en servizo o vindeiro curso escolar. Ademais, na última convocatoria desta orde resultou adxudicatario o polígono da Granxa, no Porriño.

Aposta pola conciliación

A mellora e ampliación dos recursos de atención educativa 0-3 anos e o impulso da corresponsabilidade da Administración pública e das empresas no desenvolvemento de medidas de conciliación son prioridade para a Xunta de Galicia. Con esta nova convocatoria de axudas para a creación escolas infantís, o Goberno galego continúa a mellorar os recursos de conciliación familiar e laboral, tanto no eido urbano como no rural. Un compromiso coas familias galegas que se pon de manifesto nas máis de 25.000 prazas en escolas infantís sostidas con fondos públicos, o dobre que hai nove anos; coas liñas de axudas para a apertura de casas niño; e coa posta en marcha de prestacións como o Bono concilia, o Bono coidado ou a Tarxeta Benvida.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/08/2019