Balseiro clausurou o obradoiro de emprego Sillor V, no que se formaron 20 persoas en especialidades do sector da construción

O delegado territorial de Lugo sinalou que a Xunta investiu 317.000 euros neste programa, que serviu tamén para mellorar edificios e espazos públicos en Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga

O programa conta cunha dotación de 317.000 euros

Esta iniciativa intégrase na aposta da Xunta por mellorar a formación como vehículo a unha mellora da inserción laboral

Ribas de Sil (Lugo), 21 de agosto de 2019

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, clausurou hoxe o obradoiro de emprego Sillor V, que compartiron os concellos de Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu 317.000 euros neste programa, que proporcionou formación teórica e práctica a unha vintena de persoas en especialidades relacionadas co sector da construción: Operacións auxiliares de albanelaría, fábricas e cubertas (7 alumnos traballadores en Quiroga e 6 en Ribas de Sil) e operacións de revestimentos continuos en construción (7 alumnos en Folgoso do Courel).

Os participantes adquiren tamén experiencia laboral e contan cun contrato de traballo durante os nove meses en que se desenvolve o obradoiro. Nese tempo, realizan importantes obras e servizos nos municipios que os acollen.

Neste caso, en Ribas de Sil traballaron na construción do Museo da Minaría Romana; en Folgoso do Courel, na rehabilitación das escolas da Teixeira e O Carballal para centros sociais e no acondicionamento interior do centro social de Sobredo; e en Quiroga, na mellora do pavillón polideportivo municipal, a renovación do pavimento de lousa de varias rúas e o pintado das aulas do colexio.

Obradoiros de emprego en Lugo

A Xunta financiou nos últimos meses na provincia 20 obradoiros de emprego, dous deles dirixidos á mocidade -en Ribadeo e Lugo-. Os alumnos formados nestes obradoiros executaron obras de mellora en máis de 150 edificios e espazos públicos de 50 concellos. A Administración investiu preto de 5,5 millóns de euros nestes espazos de formación que trouxeron consigo 472 contratacións en total.

Xa está en marcha unha nova convocatoria deste programa polo que proximamente comezarán os novos obradoiros coa previsión de continuar executando proxectos de interese para os municipios lucenses.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/08/2019