O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que regula a concesión destas subvencións
A Xunta de Galicia abre a convocatoria das axudas a programas de emerxencia e inclusión social dirixidas a entidades locais

Esta nova orde, cun importe de máis de 5,5 millóns de euros, triplica a contía da súa primeira convocatoria en 2013

Amplíase o período para levar a cabo as iniciativas de 16 a 20 meses e inclúese, por primeira vez, un programa específico de atención ás persoas sen fogar

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2019

A Xunta de Galicia abre mañá e durante un mes o prazo de presentación de solicitudes para acollerse á nova convocatoria de subvencións dirixidas ás corporacións locais para programas de emerxencia social e inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que regula a concesión destas axudas.

Esta nova convocatoria conta cun orzamento de máis de 5,5 millóns de euros, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, que triplica o importe da súa primeira convocatoria en 2013. Ademais, presenta dúas novidades importantes: amplíase o período para levar a cabo os programas subvencionados de 16 a 20 meses, para que as entidades que os impulsan conten con máis seguridade e máis continuidade; e, por primeira vez, inclúese un programa específico para a atención das persoas sen fogar.

Do orzamento total desta liña de axudas, 1,7 millóns de euros están destinados á inclusión social das persoas en situación ou risco de exclusión; 1,6 millóns euros, a programas de educación e apoio familiar para a inclusión social dos menores; 811.000 á inclusión da comunidade xitana; 810.000 euros a programas dirixidos a persoas sen fogar e 661.000 euros á inclusión da poboación inmigrante.

As actividades subvencionadas poderán realizarse desde o 1 de novembro de 2019, cando vence a orde anterior, ata o 30 de xuño de 2021. Serán financiadas aquelas accións coas que se adquira formación básica ou laboral adaptada ás necesidades dos destinatarios; as que realicen actuacións de mediación intercultural ou de carácter residencial; programas de educación e apoio familiar; e aquelas que invistan en melloras en centros de inclusión e emerxencia social, desde a súa construción e adquisición de mobiliario e equipamento ata a prestación dos servizos propios do centro.

Este programa ten unha grande acollida por parte das corporacións locais, xa que en todas as convocatorias se financiaron o 100% dos proxectos presentados. No 2018 o número de concellos beneficiarios pasou de 46 a 51 e os programas financiados aumentaron en 90 ata acadar os 164.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/08/2019