A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza no río Landoi, no concello de Cariño

Estas actuacións de mantemento lévanse a cabo no treito interurbano deste río ao seu paso polo lugar da Ponte, na parroquia de Feás

As obras consisten na retirada de árbores e pólas caídas nas marxes do río, así como da madeira morta existente
 

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2019

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de limpeza e conservación no río Landoi, no Concello de Cariño.

Estas actuacións de mantemento lévanse a cabo no treito interurbano deste río ao seu paso polo lugar da Ponte, na parroquia de Feás.

As obras inclúen a retirada de troncos, árbores, pólas caídas e da madeira morta no leito. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

O organismo hidráulico da Xunta desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia- Costa, no ámbito territorial da zona Galicia Norte e as súas zonas de acceso e protección.

A Xunta, mediante este tipo de traballos, continúa traballando na mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.


 

Data de actualización: 21/08/2019