O conselleiro de Sanidade visita as instalacións de urxencias sanitarias de Galicia-061 e destaca a importancia do servizo público galego de emerxencias

O persoal do 061 de Galicia incrementarase, a partir do próximo mes de outubro, en 12 médicos e 24 enfermeiros para a atención ás urxencias e ás emerxencias extrahospitalarias

Ao longo deste ano, a Central de Coordinación do 061 de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 706.537 chamadas de asistencia sanitaria, que xeraron 281.314 procesos asistenciais

Actualmente, no rexistro galego de DESA, xestionado polo 061 de Galicia, hai inscritos máis de 1.500 desfibriladores e o programa Acude e Axuda conta con preto de 430 voluntarios inscritos, mobilizados en 39 ocasións nos dous últimos anos

O Plan Ictus do 061 de Galicia, para a mellora da asistencia a pacientes que sufriron esta patoloxía, atendeu 1.164 persoas e o programa Código Sepsis, de recente posta en funcionamento, rexistrou 25 pacientes desde o mes de maio
 

A Estrada (Pontevedra), 23 de agosto de 2019

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou hoxe pola mañá, a Central de Coordinación da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e as súas instalacións administrativas, que desde o pasado mes de outubro atópanse no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) da Estrada. O titular da carteira sanitaria da Xunta de Galicia estivo acompañado pola xefa territorial de Pontevedra, Ángeles Feijoo-Montenegro, o director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, e o director de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, José Flores Arias.

Ao longo desta visita, Vázquez Almuiña destacou a importancia da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 como servizo público galego de emerxencias que constitúe para os pacientes, en moitas ocasións, a porta de entrada ao sistema sanitario. Tamén subliñou as melloras que suporá a implantación do novo modelo asistencial da Rede de transporte sanitario urxente de Galicia-061 para a atención ás urxencias e emerxencias extrahospitalarias.

Actualmente, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 conta con 224 traballadores, maioritariamente persoal sanitario, médicos e enfermeiros, que se incrementará a partir do próximo mes de outubro, en 12 médicos e 24 enfermeiros, trala execución da adxudicación do concurso para a contratación da Rede de transporte sanitario urxente de Galicia-061. Ademais, 25 locutores e 44 teleoperadores dunha empresa subcontratada de operación telefónica colaboran na atención da demanda sanitaria, e preto de 1.000 técnicos en emerxencias sanitarias -dependentes das empresas adxudicatarias do servizo de transporte sanitario urxente terrestre-, forman parte da dotación das unidades asistenciais do servizo galego de emerxencias.

 

Melloras na Rede de transporte sanitario urxente

Así, a Rede de transporte sanitario urxente terrestre do 061 de Galicia incorporará dúas ambulancias de soporte vital avanzado (SVA) medicalizadas con base no concello de Monforte de Lemos e na bisbarra do Salnés, que ademais de mellorar a asistencia ás urxencias e ás emerxencias extrahospitalarias, permitirán optimizar a asistencia e os tempos dos traslados entre centros hospitalarios. É por isto, que a ambulancia de SVA con base en Foz se incorporará a este modelo asistencial, mantendo e mellorando a calidade organizativa e asistencial, tal como amosan as recomendacións e investigacións científicas sobre a atención ás urxencias e emerxencias extrahospitalarias.

Ademais, o novo contrato, tamén, inclúe catro ambulancias asistenciais de SVA de enfermería con base nas cidades de Santiago, A Coruña, Pontevedra e Vigo, cunha dotación composta por un enfermeiro e un técnico en emerxencias sanitarias. Estas ambulancias estarán coordinadas polo persoal facultativo da Central de Coordinación do 061 de Galicia e permitirán mellorar a calidade asistencial e os tempos de asistencia domiciliaria, optimizando os desprazamentos do persoal sanitario de Atención Primaria e completando os horarios de asistencia sanitaria.

Deste Xeito, o novo modelo asistencial do 061 de Galicia engadirá estas seis ambulancias de SVA ás 10 ambulancias medicalizadas que compoñen o modelo actual para a asistencia ás urxencias e emerxencias extrahospitalarias; incrementará o número de ambulancias de SVB ata as 107 unidades, coa incorporación dunha ambulancia de SVB na bisbarra do Ribeiro con base no concello do Carballiño; e, por último, as unidades non asistenciais con base nos concellos de Pedrafita do Cebreiro e de Folgoso do Courel aumentarán a súa operatividade de 10 a 24 horas.

Actividade en 2019

Ao longo deste ano 2019 a Central de Coordinación do 061 de Galicia recibiu 706.537 chamadas de asistencia sanitaria, que xeraron 281.314 procesos asistenciais, dos que o 32% resolvéronse sen mobilización de recursos e o 68% restante necesitou a mobilización dalgún recurso asistencial para a súa resolución. Os recursos asistenciais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mobilizáronse en 194.048 ocasións, das cales, en 180.361 casos tratouse de ambulancias asistenciais de soporte vital básico e en 12.985 ocasións foron ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado.

No caso dos helicópteros medicalizados do 061, realizáronse 702 mobilizacións fronte ás 645 mobilizacións realizadas no mesmo período do ano pasado. Este aumento supón un incremento de preto do 9%, facilitado polo incremento das horas de operatividade das dúas aeronaves medicalizadas, con base en Santiago e Ourense, que, desde o pasado 16 de abril, pasaron de estar operativas durante 12 horas ao día a aumentar a súa operatividade desde o orto ata o ocaso. Este incremento das horas de vo repercute especialmente nestes meses estivais, nos que o número de horas de sol é maior.

Por outra banda, entre o 1 de xaneiro e o 21 de agosto de 2019, os profesionais sanitarios de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 realizaron manobras de RCP a 442 pacientes que sufriron unha parada cardiorrespiratoria (PCR). Cómpre subliñar a importancia da concienciación e a formación da cidadanía no uso dos desfibriladores semiautomáticos externos (DESA) para o seu uso como primeiros intervenientes, nos casos de que estes sexan testemuñas dunha PCR. Actualmente, no rexistro galego de DESA, xestionado polo 061 de Galicia, hai inscritos máis de 1.500 desfibriladores na Comunidade Autónoma de Galicia.

Precisamente, o programa Acude e Axuda trata de acurtar os tempos de asistencia ás persoas que sufran unha parada cardiorrespiratoria a través dunha rede de voluntarios, formados na realización de manobras de reanimación cardiopulmonar e na aplicación do DESA, para mellorar a mortalidade e as posibles consecuencias destes episodios, mentres chegan as unidades de soporte vital avanzado do 061 de Galicia. O programa Acude e Axuda, que comezou como un proxecto piloto na cidade de Santiago, estendeuse desde fai un ano a toda a Comunidade Autónoma e actualmente conta con preto de 430 voluntarios inscritos, que foron mobilizados en 39 ocasións nos dous últimos anos.

Programas especiais

Ademais, desde a súa creación, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 vén desenvolvendo varios programas especiais que recollen a información pertinente, de determinados grupos de pacientes con características específicas, co obxectivo de diminuír a mortalidade e mellorar as condicións de vida dos pacientes. Entre estes programas destacan: o Programa galego de atención ao infarto agudo de miocardio (Progaliam), pioneiro no Estado español, con 690 pacientes que recibiron asistencia sanitaria; o Programa Alerta Corazón, para a mellora na atención das persoas que sufriron un episodio cardíaco, con 11.328 procesos asistenciais xestionados polos profesionais da central de coordinación do 061; e o Programa Acougo, de asistencia sanitaria nos traslados e ingresos de persoas con enfermidade ou trastorno mental, con 10.558 servizos coordinados.

Outros programas especiais do 061 son: o Programa Alerta Escolar con 6.061 nenos, con patoloxías crónicas potencialmente mortais, inscritos; o Programa de hospitalización a domicilio (HADO) con 44.193 pacientes inscritos e 1.447 procesos asistenciais xestionados polo 061 de Galicia e o Plan Ictus, para a mellora da asistencia a pacientes que sufriron esta patoloxía, acortando os tempos de asistencia e mellorando as posibles secuelas con 1.164 persoas atendidas.

Cómpre subliñar a recente posta en funcionamento do programa Código Sepsis para mellorar a calidade de vida daquelas persoas que tiveron un episodio de sepse, a través da optimización da atención destes pacientes mediante un diagnóstico precoz. Desde o mes de maio deste ano, incluíronse neste programa 25 pacientes.

Por último, é importante lembrar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é o servizo sanitario máis valorado polos seus usuarios na Comunidade galega, que presta asistencia sanitaria urxente as 24 horas, os 365 días do ano, e que moitas vidas poden ser salvadas e moitas lesións atenuadas se reciben a asistencia sanitaria axeitada.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 23/08/2019