A conselleira do Mar visitou o posto da campaña de sensibilización ‘Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear’ na praia Grande de Miño
O Servizo de Gardacostas detectou en xullo un 76% máis de infraccións nas praias galegas tras o reforzo das inspeccións

O ente dependente da Consellería do Mar realizou o mes pasado preto de 150 controis nos areais da comunidade, nos que rexistrou 67 infraccións

A titular de Mar salienta que o Executivo galego segue a traballar para frear as actividades irregulares que atentan contra o traballo do sector marisqueiro, tanto o furtivismo ‘profesional’ como o ‘de bañador’

As accións da Xunta para concienciar aos turistas de que non extraian marisco das praias para non prexudicar o traballo dos mariscadores segue todo este mes por distintos areais da comunidade
 

Miño (A Coruña), 23 de agosto de 2019

O Servizo de Gardacostas de Galicia realizou o mes pasado case 150 inspeccións de loita contra o furtivismo nas praias galegas e detectou un total de 67 infraccións. Estes datos supoñen un incremento nos dous casos de arredor do 75% respecto a xullo do ano pasado e son froito do reforzamento dos controis por parte do Executivo galego para atallar tanto o furtivismo considerado profesional como o coñecido como de bañador, realizado por bañistas e turistas. Así o destacou hoxe a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a súa visita ao posto da campaña de sensibilización á cidadanía Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear, na praia Grande de Miño.

A titular de Mar salientou que a actividade habitual dos gardacostas para frear a actividade irregular nas costas galegas debe complementarse no verán con inspeccións nos areais para evitar que os bañistas prexudiquen o traballo dos mariscadores e lastren os seus ingresos. Estas accións nas praias, lembrou, acompáñanse con iniciativas como a campaña de sensibilización dos cidadáns para facerlles comprender todo o traballo que implica o marisqueo -desde a sementeira do marisco ata a limpeza das praias- e o dano que causa aos profesionais do sector a súa extracción de xeito ilegal.

Por iso, o Executivo galego reforzou este ano as actividades da campaña Non sexas pirata! co obxectivo de levala ata 45 areais e 35 concellos, fronte ás 35 praias e 21 concellos visitados o ano pasado. Estas accións comezaron a mediados de xullo e desenvólvense ata que remate o mes percorrendo distintas localidades das tres provincias costeiras galegas.

“O obxectivo é concienciar aos turistas para que coñezan o traballo dos mariscadores, sexan responsables e non extraian marisco”, destacou Rosa Quintana, que lembrou que este é un problema socioeconómico, medioambiental e de saúde, posto que o consumo de marisco extraído e comercializado de xeito ilegal supón un risco para o consumidor ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale.

A campaña Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear engádese a outras accións de sensibilización da Consellería do Mar como o proxecto piloto desenvolvido no 2016 de entrega de 5.000 paipais en diversas confrarías da provincia de Pontevedra con mensaxes de concienciación. Outra é a aplicación móbil Non piques, non peques, que leva arredor de 12.000 descargas nas distintas plataformas móbil e que contén información sobre a época óptima de consumo dos produtos do mar.

A campaña de sensibilización

As accións que inclúe esta iniciativa consisten nunha dinámica de xogo educativo que pretende amosar o traballo que hai arredor do marisqueo e dos profesionais desta actividade. Nelas explícanse aspectos sobre as especies autóctonas de marisco, a importancia de respectar o traballo dos profesionais do marisqueo e a dureza deste labor. Tamén se expoñen diferentes actuacións que realizan as mariscadoras e os mariscadores como as sementeiras e a limpeza e cuestións relativas aos talles mínimos. A gastronomía, a seguridade alimentaria e a rastrexabilidade tamén se abordan de xeito ameno e práctico no marco desta campaña.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 23/08/2019