A Policía Autonómica esclarece un incendio no concello de Punxín

No que vai de ano, un total de 60 persoas foron investigadas pola Policía Autonómica como presuntas autoras de incendios forestais

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2019

Axentes da Policía Autonómica veñen de esclarecer a autoría dun incendio forestal no concello de Punxín.

Os policías do Grupo de Investigación de Incendios da Xefatura de Ourense procederon a tomar declaración como investigado a un home como presunto autor dun lume forestal que tivo lugar o pasado 22 de agosto na parroquia de Vilela, que afectou a 1,4 hectáreas de superficie rasa.

O incendio orixinouse cando o investigado realizaba traballos de empacado de forraxe nunha finca. A máquina coa que traballaba causou o lume, que se propagou debido á sequidade do terreo e da alta temperatura ambiental.

As dilixencias remitíronse ao xulgado de garda do concello ourensán de O Carballiño.

No que vai de ano, un total de 60 persoas foron investigadas pola Policía Autonómica, como presuntas autoras de incendios forestais.