Directivos chilenos do sector forestal fórmanse en Galicia en materia de defensa dos montes fronte os incendios

Unha delegación do país latinoamericano entrevistouse co director xeral de Defensa do Monte e coñeceu as instalacións do Centro de Coordinación Central da Xunta, en San Lázaro

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2019

O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, recibiu esta mañá en San Lázaro unha delegación de directivos chilenos do sector forestal interesados no modelo galego de protección fronte os incendios. Os empresarios do país latinoamericano puideron coñecer o Centro de Coordinación Central da Xunta e recibiron formación sobre os protocolos, tecnoloxías e metodoloxías utilizadas na nosa comunidade para a defensa da riqueza forestal da ameaza do lume.

A delegación chilena participa nun curso de xestión estratéxica en incendios forestais organizado por estes directivos. Entre outras accións formativas, inclúe visitas de familiarización con distintos operativos de extinción de lumes en España. Entre eles, amosaron especial interese por coñecer o sistema de defensa do monte de Galicia, en particular polo seu carácter de referencia a nivel nacional e polo uso que se fai na nosa comunidade de solucións tecnolóxicas como as cámaras de vixilancia ou os drons, así como por iniciativas pioneiras como o convenio coa Fegamp e Seaga para a protección das aldeas.

Os directivos chilenos puxeron tamén en valor as similitudes entre a paisaxe forestal de Galicia e do seu país e destacaron que eles padecen, así mesmo, o problema da elevada intencionalidade dos lumes, polo que a experiencia galega lles pode resultar especialmente útil para abordar esta problemática.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 27/08/2019