Axentes de Gardacostas e da Garda Civil comisan máis de 2.500 quilos de sardiña nun operativo conxunto en Porto do Son
Santiago, 27 de agosto de 2019

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, e do Servizo Marítimo da Garda Civil comisaron a pasada madrugada máis de 2.500 quilos de sardiña que carecía da documentación necesaria para garantir a súa trazabilidade nun operativo conxunto desenvolvido no concello de Porto do Son. As capturas foron desembarcadas -sen pesar nin declarar en lonxa- no peirao de Porto do Son por un cerqueiro que non estaba autorizado para o desembarque nese porto e que volveu ao mar inmediatamente despois de descargar o peixe.

A coordinación entre os axentes do Servizo de Gardacostas e da Garda Civil permitiu que o vehículo que cargou a mercadoría fose interceptado uns minutos despois na estrada AC-550 á altura de Boa (Noia), momento no que se verificou que a sardiña estaba a ser transportada sen ningún tipo de documentación. Os axentes procederon posteriormente ao pesado do peixe na lonxa de Portosín e comprobaron que eran 2.559,5 quilos de sardiña que carecían da documentación necesaria para garantir a súa trazabilidade. Por este motivo, a mercadoría foi comisada e será entregada ao Banco de Alimentos de Santiago.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 27/08/2019