Máis de 800 persoas anotáronse no proceso selectivo de policía local para traballar en 28 concellos galegos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o listado provisional das persoas admitidas e excluídas que aspiran a 156 prazas

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2019

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a relación provisional de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo para a cobertura de 156 postos de policía local convocadas pola Xunta. Un total de 811 persoas presentaron a súa solicitude para formar parte do proceso selectivo e obter unha das 156 prazas ofertadas para traballar en 28 concellos galegos.

A listaxe provisional de persoas admitidas poderá consultarse a través da páxina web oficial da Academia Galega de Seguridade Pública. Os aspirantes excluídos e as persoas declaradas non exentas da realización da proba de coñecementos da lingua galega disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir de mañá, para corrixir o defecto que motivou a exclusión.

A convocatoria diferencia entre as prazas por oposición libre e por concurso. Dos 740 solicitantes para vacantes por oposición libre 135 aspirantes foron excluídos, a maioría (83) por non acreditar a titulación académica requerida e 34 por non presentar copia do carné de conducir. Sete quedaron fóra das listas ao non ser posible consultar os antecedentes con penais e outros sete por non entregar xustificante do pago da taxa correspondente. Para a convocatoria de 26 prazas por mobilidade destinadas aos policías xa en exercicio que cambian de concello recibíronse 71 solicitudes, das que 22 foron denegadas ao superar a idade máxima permitida ou por non presentar toda a documentación.

A Xunta publicou a finais de 2017 un decreto para centralizar na Agasp as oposicións de auxiliares e policías locais dos concellos que así o decidisen de forma voluntaria. O obxectivo da iniciativa é aforrar xestións, orzamento e tempo ás entidades locais, á vez que se favorece a axilidade e transparencia dos procesos. En virtude deste convenio, os concellos fóronse unindo ao procedemento a través de convenios de colaboración para delegar estas competencias na Xunta.

O primeiro proceso de selección foi o de auxiliares coa celebración das probas entre maio e xuño de 2018 para optar a 109 prazas. En abril deste ano anunciouse a segunda convocatoria con 155 prazas e o proceso rematou en xuño coa adxudicación de postos.
No caso da policía local, en novembro de 2018 comezou o primeiro proceso para esta categoría con 38 prazas en 23 concellos e en xuño publicouse o segundo para cubrir 156 postos en 28 concellos, dos que hoxe se publica a lista provisional de admitidos e excluídos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/08/2019