Máis de 1.600 apicultores galegos benefícianse este ano das axudas da Xunta por valor de case 700.000 euros

O orzamento total desta convocatoria foi un 14% superior ao do ano anterior

Estas achegas, cuxa resolución sae hoxe publicada no Diario Oficial de Galicia, teñen como obxectivo mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2019

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas concedidas pola Consellería do Medio Rural para a apicultura, aprobando un total de 14 expedientes que benefician a 1.654 apicultores de Galicia, por un importe total de 686.741 euros.

Este orzamento, que está cofinanciado a través do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) nun 50%, nun 25% pola Xunta e noutro 25% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, incrementouse nun 14% con respecto á convocatoria anterior.

Así, as axudas van destinadas a particulares titulares de explotacións apícolas, cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia. A convocatoria fíxose en réxime de concorrencia competitiva, establecendo así unha serie de criterios obxectivos -previamente pactados co sector- para puntuar as solicitudes.

Neste sentido, déuselle prioridade a aspectos como a dimensión das explotacións (número de colmeas), a pertenza á Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e a súa adscrición a unha Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira. Tamén se valorou o feito de que as explotacións solicitantes tiveran titularidade compartida ou foran persoas mozas, que as colmeas estiveran en zonas desfavorecidas ou rexistradas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), entre outras cuestións.

Estas achegas teñen como obxectivo mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura. Así, dispoñían de catro liñas diferentes: para asistencia técnica (só para colectivos), para a loita contra as agresións e enfermidades da colmea, para a transhumancia e para medidas de apoio á repoboación da cabana apícola.

Pódese consultar o listado de beneficiarios na seguinte ligazón:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190828/AnuncioG0426-130819-0002_gl.html

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/08/2019