O PIB de Galicia medrou un 2% en taxa interanual no 2º trimestre do ano e creou 12.400 empregos asalariados a tempo completo

O incremento en taxa trimestral foi do 0,3%, polo que a economía galega acumula 26 trimestres consecutivos de crecementos


O crecemento da economía galega sustentouse no forte aumento do gasto en consumo final, que rexistra un crecemento do 3,3%, o maior desde 2007

Todos os sectores da economía galega medraron agás a industria

Os datos do IGE mostran que as exportacións de bens e servizos descenderon un 8,6%, o que explica o menor crecemento do PIB respecto a trimestres anteriores
 

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2019.- O Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia medrou un 2% en taxa interanual no segundo trimestre do ano, ao tempo que se crearon neste período 12.400 novos empregos asalariados a tempo completo, segundo as Contas económicas trimestrais publicadas hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Os datos da primeira estimación publicados polo organismo estatístico autonómico hoxe mostran que o PIB galego rexistrou no segundo trimestre un crecemento do 2% sobre o mesmo período de 2018, de xeito que acumula 23 trimestres consecutivos con taxas positivas. O crecemento trimestral –sobre o trimestre anterior- foi do 0,3%, polo que a economía galega acumula 26 trimestres consecutivos con taxas positivas.

O crecemento da economía galega entre abril e xuño sustentouse no forte aumento do gasto en consumo final, que rexistrou un crecemento interanual do 3,3%. Este é o maior incremento deste indicador desde 2007, e débese ao incremento do gasto en consumo final tanto dos fogares (3,5%) coma das administracións públicas (2,8%). Ademais, a formación bruta de capital –que recolle os investimentos do sector empresarial– creceu un 4,1%.

Ademais, todos os sectores que conforman o PIB –salvo a industria– rexistraron un comportamento positivo. O maior crecemento rexistrouse no sector da construción (5,5%) e no sector servizos (2,8%), con incrementos superiores á media, mentres que o sector primario avanzou un 0,2% e a industria descendeu un 2,1%.

Os datos do IGE indican tamén que o comportamento positivo da demanda interna –medrou un 3,3% en taxa interanual- compensou a evolución negativa da demanda externa. Así, nun panorama de incertezas nos mercados internacionais, as exportacións de bens e servizos descenderon un 8,6%, o que explica o menor crecemento respecto a trimestres anteriores.

En todo caso, a economía galega continuou creando emprego no segundo trimestre do ano. A evolución do emprego asalariado foi positiva en todos os sectores, cun crecemento do 1,4% e a creación de case 12.400 postos de traballo asalariados a tempo completo.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Facenda
Data de actualización: 29/08/2019