Galicia aposta pola innovación e colabora con 22 países en oito proxectos de I+D+i que mobilizarán case 21 millóns na UE

A meirande parte destas iniciativas, coas que Galicia percibirá preto de 800.000 euros de fondos europeos, están relacionadas co desenvolvemento e a promoción de ferramentas e plans para loitar contra o cambio climático e impulsar no conxunto de Europa o cambio cara a un modelo de economía circular eficiente

A partir de setembro, a Consellería tamén traballará con Irlanda do Norte para ofrecer apoio e asesoramento técnico a Israel na implantación das normativas de xestión de residuos e no proceso de formación dos seus funcionarios
 

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2019-

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a desenvolver a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (DXCACC) sete proxectos europeos de I+D+i grazas aos que captará para Galicia preto de 800.000€ de fondos comunitarios e que reflicten a súa clara aposta pola innovación. Así mesmo, a partir de setembro o departamento autonómico tamén empezará a traballar con Irlanda do Norte nun Twinning, un instrumento de cooperación entre estados membros en beneficio dun terceiro país da contorna -neste caso, Israel- cun orzamento de 1,5 millóns e financiación íntegra da Comisión Europea. Grazas a estas oito iniciativas, nas que colaboran en total 23 países –incluído España-, mobilizaranse case 21 millóns na UE.

Os sete proxectos xa en marcha nos que participa a DXCACC teñen en común que traballan na mitigación e adaptación ao cambio climático desde diferentes áreas e perspectivas que inclúen a xestión dos lumes, a protección do patrimonio cultural, a redución dos gases efecto invernadoiro, a adaptación costeira ante os riscos derivados do quecemento global e a aposta pola economía circular.

A través destas iniciativas colaborativas e de innovación a Xunta ten a posibilidade de traballar con outras entidades, públicas e privadas e tanto nacionais como internacionais, para ter así unha visión global dos problemas ambientais que preocupan á sociedade actual e ser así máis obxectivos á hora de acadar posibles solucións.

Neste sentido, a DXCACC conta xa cunha acreditada e ampla experiencia neste eido, tendo traballado ata o momento en diversos proxectos tanto a nivel internacional, como nacional e mesmo local. Grazas a eles, o departamento dispón dunha visión transversal da situación, da evolución sufrida ao longo dos últimos anos e de cales son as mellores liñas de traballo para obter os resultados que se agardan nesta materia.

Iniciativas INTERREG
Un dos proxectos máis destacados é o MarRISK, cun orzamento de preto de tres millóns de euros procedentes da iniciativa Interreg-POCTEP Galicia-Norte de Portugal e unha achega da DXCACC de medio millón de euros (incluídos os 318.600 euros que aporta o FEDER). O proxecto está deseñado para afondar no coñecemento da evolución do clima costeiro na zona Galicia-Norte de Portugal, habilitando sistemas de seguimento e vixilancia cos que se asegurará un crecemento intelixente e sustentable das zonas do litoral mediante a avaliación dos riscos costeiros máis importantes nun escenario de cambio climático.
Este Interreg é a continuación dunha serie de tres proxectos iniciados no período 2009-2012 e desenvolvidos a partir do Observatorio RAIA: o observatorio costeiro Galicia-Note de Portugal que cumpre agora 10 anos de existencia e está fortemente consolidado. De feito, RAIA é o actual modelo a seguir para os proxectos de creación de observatorios costeiros como OCASO (sur de España e Portugal) e MyCoast, outro proxecto INTERREG no que tamén participa a Dirección Xeral de Calidade Ambiental –xunto ao un total de 15 socios de seis países diferentes e cun orzamento de tres millóns- e que se configura como un observatorio de observatorios costeiros dentro do Espazo Atlántico Europeo.

Precisamente, o orzamento da Consellería para MyCoast ascende a 185.000 euros, dos cales 138.000 proceden do FEDER. A súa finalidade é integrar diferentes observatorios oceánicos costeiros para todo o marco atlántico, promovendo a cooperación entre os sistemas de observación e prognóstico cos usuarios finais destas ferramentas. O obxectivo é mellorar a capacidade de enfrontarse aos riscos costeiros na rexión atlántica.

O terceiro proxecto que conta coa implicación da Consellería busca reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro procedentes dos gases fluorados durante o seu proceso de reciclaxe e recuperación usando tecnoloxías benignas co medio ambiente.

Esta iniciativa de I+D+i, baixo a denominación KET4F-GAS do programa INTERREG-Sudoe, dispón de 1,7 millóns de orzamento e integra a 14 socios entre universidades, empresas, axencias de residuos e ambientais, entidades públicas e privadas unidas polo interese de ofrecer unha resposta ao compromiso de Kigali, relativo á redución da produción e o consumo dos hidrofluorocarbonos polos seus significativos efectos no quecemento global.

A achega a este proxecto da Consellería de Medio Ambiente a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático ten que ver coa avaliación e control dos incidentes que provoque a actividade humana sobre o ambiente e a proposta de solucións e supón un compromiso da Consellería de Medio Ambiente coa innovación en mitigación, xa que ademais do desenvolvemento de compostos substitutivos dos gases fluorados, investiga a busca de tecnoloxías que traten as emisións deste tipo de gases, que poden ser ata 23.000 veces máis potentes que as de CO2 en termos de impacto sobre o quecemento global. O orzamento da DXCACC é de 102.000 euros -76.500 euros a cargo de fondos comunitarios-.

Horizonte 2020
Así mesmo, a Consellería tamén participa en dous proxectos Horizonte 2020 financiados integramente con fondos europeos e a través dos que se mobilizarán 160.000 euros.

Por unha banda, está o chamado proxecto Shelter, que conta cun orzamento global de case seis millóns de euros e co que os seus 24 socios aspiran a unir os esforzos da comunidade científica e dos responsables de xestionar o patrimonio cultural e natural co fin de reducir a vulnerabilidade destes elementos ao cambio climático e aos desastres naturais a través de metodoloxías, ferramentas e estratexias útiles resultado do coñecemento das ameazas, do nivel de exposición e da vulnerabilidade de cada área.

Neste sentido, o punto de partida é propoñer un cambio de paradigma baseándose en macrodatos e na intelixencia artificial. O proxecto, e as súas posibles aplicacións prácticas validaranse en cinco laboratorios abertos, entendendo como tales lugares representativos dos principais desafíos climáticos aos que se enfronta Europa e de diferentes tipoloxías de patrimonio. Unha das localizacións escollidas polos socios precisamente foi o parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, un espazo natural de 30.000 hectáreas situado na provincia de Ourense e moi preto de Portugal.

O outro proxecto H2020 no que está implicado a DXCACC leva por nome Cicerone. Conta con case dous millóns de euros e funciona como grupo estratéxico de economía circular. Nel están representados administracións, programadores, investigadores e empresas para construír xuntos unha plataforma que sirva de ferramenta para implantar un modelo de economía circular eficiente en Europa, desenvolvendo a folla de ruta a seguir e establecendo programas colaborativos para proxectos que impulsen a transición cara a un novo sistema que aposte por converter os residuos en recursos e romper así co actual modelo lineal.

No marco do programa europeo LIFE, a DXCACC participa en dous grupos de traballo. Un deles, da man de Castela e León e Murcia, é o proxecto LIFE Forest CO2, que pretende consolidar a xestión forestal sustentable como ferramenta para a mitigación do cambio climático, implicando no proceso a propietarios forestais, empresas e organizacións dos sectores non regulados polo mercado de dereitos de emisión. O orzamento da DXCACC é de 111.236 euros (66.759,00 euros aportados polo LIFE).

O outro é LIFETEC, que promove a integración de medidas para a protección da biodiversidade nos plans de xestión forestal e na conservación de espazos salvaxes, grazas á minimización do impacto dos lumes e a súa detección. Este proxecto supón unha oportunidade para a Xunta ao explorar o posible uso do Radar Meteorolóxico na detección precoz de incendios de forma complementaria á súa función actual, para as emerxencias de fenómenos meteorolóxicos relacionados coas precipitacións. O orzamento da DXCACC é de 41.000 euros (19.785 saen do LIFE) e o proxecto mobilizará en total 1,2 millóns.

Por último, o vindeiro mes de setembro está previsto que a Xunta empece a colaborar con Irlanda do Norte nun dos chamados proxectos Twinning: instrumentos de cooperación cos que conta a UE para impulsar a colaboración e o irmandamento institucional entre estados membros en beneficio dun ou varios países da contorna.

Neste caso, a participación galega canalizarase a través da DXCACC e de Sogama para dar apoio e asesoramento técnico e legal a Israel sobre o desenvolvemento e implantación das normativas de xestión de residuos, así como na capacitación do seu persoal funcionario para a aplicación das mesmas. Cun horizonte temporal de dous anos e un orzamento de 1,5 millóns, a Comisión Europea financia integramente todas as actividades do proxecto.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 31/08/2019