A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, mantivo un encontro de traballo co alcalde, Luis Oújo
A Xunta e o Concello de Porto do Son acordan a solución definitiva para o saneamento de Queiruga e San Pedro

Tras o análise das alternativas estudadas, a Xunta e o Concello coinciden en sinalar como óptima a construción dunha nova depuradora ao carón do río Maior

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade expresa o compromiso de analizar as demandas do concello de Porto do Son en relación co Plan de transporte

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2019

A Xunta de Galicia e o Concello de Porto do Son veñen de acordar a solución definitiva para as obras de saneamento de Queiruga e San Pedro, nese municipio, que pasa pola construción dunha nova depuradora nas inmediacións do río Maior.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo un encontro de traballo co alcalde, Luis Oújo, no que analizaron as diferentes alternativas estudadas para acometer as obras comprometidas para a dotación de saneamento a Queiruga e San Pedro, concluíndo que a construción dunha nova depuradora ao carón do río Maior é a solución óptima.

Tras a execución das obras de Xuño e Camaño, ademais da depuradora de Baroña, o saneamento de Queiruga e San Pedro é a última actuación pendente para completar as infraestruturas da vertente costeira do sur do municipio.

No encontro, o alcalde e a conselleira analizaron tamén as alegacións formuladas polo Concello de Porto do Son ao Plan de transporte público sometido a información pública pola Xunta as pasadas semanas.

A conselleira garantiu que o departamento de Mobilidade fará todo o posible por atender as demandas formuladas, que se centran na coordinación das conexións entre Porto do Son e Noia coas de Noia e Santiago. Ademais, o municipio solicita contar con liñas de autobús compartido para que os veciños poidan aproveitar as prazas vacantes dos autobuses escolares.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/09/2019