Sanidade informa das medidas tomadas logo dunha alerta por intoxicación alimentaria ante a presencia de toxina botulínica
Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2019

A Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) trasladou, o pasado día 12, a través do Sistema Coordinado de Intercambio Rápido de Información (SCIRI) ás comuniddes autónomas de Asturias, Castela-León, Madrid e Galicia, unha alerta ante a sospeita de catro casos de botulismo por unha posible intoxicación alimentaria, despois dunha comida familiar no que o menú incluía ensaladilla. Os casos detectáronse en Castela-León e os pacientes foron ingresados no Complexo Asistencial de Salamanca e de Zamora. Requiriuse á empresa distribuidora (DIA) a retirada do lote ao que pertence o producto identificado, quen se comprometeu e procedeu á retirada do mesmo de forma inmediata.

Logo da notificación por parte da AESAN, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade comezou, con carácter inmediato, a recabar información complementaria, ao igual que o resto de comunidades requeridas, e púxose en contacto coa empresa proveedora (FRINSA DEL NOROESTE) das latas de atún (un dos ingredientes incluidos), para verificar, nunha inspección, realizada o día 13, tanto os controis de producción como os procesos de esterilización. Non detectándose ningunha anomalía no proceso de tratamento para as conservas. Así mesmo, identificouse que todo o produto implicado foi subministrado á antedita empresa distribuidora, non existindo máis existencias fóra dese distribuidor. Por tanto, o producto non se comercializou en Galicia e tampouco temos constancia de persoas afectadas na nosa Comunidade.

A totalidade do producto distribuise pola plataforma DIA a establecementos das comunidades autónomas de Asturias, Castela-León, Cataluña, Aragón, A Rioxa, Murcia, Navarra, Castela-A Mancha e Valencia, onde procedeuse á inmobilización e retirada dos productos afectados.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade xa realizou, esta mañá, unha nova inspección complementaria, ao recibir a comunicación da AESAN, no día de hoxe, da confirmación da presencia de toxina botulínica na mostra do producto aberto e empregado no prato elaborado polos pacientes, que se remitira para a súa análise.

Esta visita á industria de hoxe pola mañá, tivo por obxecto verificar o mantemento preventivo ao que se somete o autoclave no que se elaborou o lote identificado previamente. Sanidade, tamén ten solicitado á empresa un novo estudio de distribución de temperatura e test de penetración do calor do autoclave implicado, co obxecto de verificar o correcto funcionamento do mesmo.

Paralelamente, manténse contacto permanente coa Comunidade Autónoma de Castela-León para avaliar a trazabilidade dos restantes productos empregados no menú que supostamente causou esta intoxicación puntual.

Cómpre destacar que esta empresa, ao igual que o resto de empresas de Galicia, está sometida aos controis periódicos de inspección, dentro do marco do Plan de Control da Cadea Alimentaria de Galicia.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 30/08/2019