A Xunta confirma á plataforma Pro Celeiro o seu compromiso co saneamento da ría de Viveiro que se materializa nun investimento de máis de 7 M€ en obras hidráulicas

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, trasladaron os pormenores dos proxectos nos que traballa a administración autonómica para corrixir o deficiente servizo municipal de saneamento

A Xunta reitera que, se o Concello traslada toda a documentación pendente, este mesmo mes licitará a obra de ampliación e mellora da Edar, mentres segue avanzando na redacción do proxecto técnico para a substitución do emisario

Viveiro (Lugo), 3 de agosto de 2019

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantiveron esta tarde unha xuntanza coas representantes de Pro Celeiro a plataforma recentemente constituída para reclamar unha corrección do deficiente servizo municipal de saneamento.

A administración autonómica trasladou a mensaxe de que mellorar a depuración das augas residuais e, en consecuencia, o saneamento da ría de Viveiro é unha prioridade para o Goberno galego, e por iso a pesar de non ser unha competencia da comunidade autónoma, están dispostos a traducir ese compromiso nun investimento de máis de 7 millóns de euros para promover obras hidráulicas no municipio.

3,9 M€ para a mellora da estación depuradora

Así, a Xunta explicou polo miúdo a situación na que se atopa cada proxecto. O máis avanzado é a obra de ampliación da estación depuradora de augas residuais (Edar), que estaría en disposición de licitarse este mesmo mes, no caso de que o Concello complete a documentación pendente para ratificar esa colaboración técnica e económica que ofreceu a administración autonómica.

Neste caso acometer esta obra suporá un investimento total de preto de catro millóns de euros (3,9 millóns de euros), uns traballos que contan cun prazo de execución estimado de 18 meses, unha vez formalizado o contrato.

“O Goberno galego non estivo nunca de brazos cruzados ante esta problemática do deficiente saneamento en Viveiro. Comprometemos a nosa colaboración técnica, e de feito foi a Xunta quen redactou o proxecto de ampliación da Edar e de mellora das liñas de tratamento, e comprometemos tamén o financiamento preciso, ata o punto de asumir o cen por cen do custe desta obra, a súa contratación e execución”

A ampliación da EDAR permitirá tratar a totalidade dos caudais de augas residuais xerados no municipio, incorporando os procedentes da rede de Celeiro, á vez que se dá solución aos problemas detectados na actual planta pois a capacidade de depuración real era menor da prevista. As novas instalacións soportarán un caudal punta de ata 800 metros cúbicos por hora.

A Xunta tamén avanzou que xa dispón de todos os informes sectoriais precisos para acometer estas obras, “o que supón un paso moi importante para axilizar todos os trámites, só á espera de completar a documentación municipal pendente”.

Substitución do actual emisario

A administración autonómica asegura que, coa obra prevista no sistema de depuración poderase obter unha mellora significativa da calidade da auga, que se traduciría tamén no resultado das analíticas sanitarias que presentan praias como a de Celeiro. Con todo, a intención da Xunta é avanzar tamén no proxecto técnico para a substitución do actual emisario, que se atopa en malas condicións o que provoca vertidos.

En relación con esta obra, a Xunta está redactando o proxecto técnico do novo emisario, que completará unha vez conten co resultado das probas de prospección arqueolóxica que realizaron buzos especializados. Unha vez listo o proxecto remitirase ao departamento estatal de Costas, que debe autorizalo, para que así a Xunta poida iniciar o proceso de contratación da obra.

A Xunta tamén ten deseñada unha folla de ruta para o caso de que a obra de substitución do emisario se enroque pola falta de autorización de Costas. Neste caso, incluiría unha seria de melloras técnicas inmediatas, que inclúen a construción dun tanque de tormentas e a mellora da capacidade de bombeo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/09/2019