A Xunta ofrece ao concello de Barreiros cofinanciar as obras de saneamento de San Miguel de Reinante na mesma porcentaxe que a Deputación de Lugo

Vázquez Mourelle propón unha xuntanza das tres Administracións con vontade real de participación técnica e financeira para solucionar os problemas de depuración

Amosa a compromiso de Augas de Galicia para abordar o saneamento de augas residuais deste municipio e de colaborar coa responsabilidade do Concello nas infraestruturas de competencia municipal

Sinala a obriga legal do organismo provincial no auxilio aos concellos nas súas propias competencias e a disposición da Xunta de coparticipar no financiamento, xunto coa aportación económica axeitada do Concello
 

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2019

A Xunta ofrece ao Concello de Barreiros cofinanciar as obras de saneamento de San Miguel de Reinante na mesma porcentaxe que a Deputación de Lugo, e proponlle unha xuntanza coa representación das tres Administracións con vontade real de participación técnica e financeira como solución aos problemas de depuración do municipio.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, vén así de dirixirse á alcaldesa para amosar a vontade de colaboración de Augas de Galicia para abordar o saneamento de augas residuais deste municipio, e de traballar coa responsabilidade do Concello nas infraestruturas de saneamento e depuración, que son competencias municipais outorgadas pola Lei de Bases de Réxime Local.

Nunha carta remitida á rexedora, a conselleira trasládalle o cumprimento do compromiso de Augas de Galicia de realizar o proxecto de saneamento na parroquia de San Miguel de Reinante, enviándolle na mesma o documento técnico completo desta actuación, que proxecta a reunión do vertido de ambas depuradoras nunha única de nova construción, e para o que se prevé un investimento de máis de 3,2 millóns de euros.

No que respecta ás formulas de financiación desta actuación, e tendo en conta a obriga legal da Deputación de Lugo no auxilio aos concellos de menos de 20.000 habitantes nas súas propias competencias, Vázquez Mourelle amosou a disposición do departamento que dirixe de coparticipar no financiamento das actuacións na mesma medida que o organismo provincial, xunto co compromiso necesario da aportación económica axeitada a realizar polo Concello, dado que é competente directo.
 

Data de actualización: 04/09/2019