Medio Ambiente destinou máis de tres millóns de euros á rehabilitación de case cen vivendas de mestres en trinta concellos de Galicia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda supervisou esta mañá dúas vivendas no Concello de Ponteceso, recuperadas ao abeiro do programa de rehabilitación de antigas vivendas de mestres e outros oficios

Trátase dun programa a disposición dos concellos para facilitar aos seus veciños vivendas en réxime de alugueiro e cunha condicións vantaxosas

Ángeles Vázquez recorda que os municipios galegos dispoñen de varias liñas de actuación para dispoñer inmobles, apoiar o pago dun alugueiro ou acceder a un préstamo para afrontar unha rehabilitación

Ponteceso (A Coruña), 4 de setembro de 2019-

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá que o Goberno galego apoiou con máis de tres millóns de euros a rehabilitación de case cen vivendas de mestres en trinta concellos galegos.

Ángeles Vázquez visitou esta mañá dous inmobles rehabilitados ao abeiro do programa de programa de rehabilitación de antigas vivendas de mestres e outros oficios, que no ano 2019 sumou a súa terceira convocatoria, e que está dirixido a concellos con menos de 20.000 habitantes.

A modo de exemplo, citou as actuacións executadas en Ponteceso que agora permitirán poñer a disposición de dúas familias unha vivenda en réxime de alugueiro cunhas condicións vantaxosas; ao tempo que revitalizan as vilas galegas e, sobre todo, poder conservar e protexer o patrimonio local, con apoio económico para acometer actuacións desta envergadura.

Ángeles Vázquez salientou que este non é o único programa a disposición das entidades locais para facilitar unha residencia aos seus veciños, xa que dispoñen de varias liñas de actuación para recuperar vivendas ou facilitar o acceso a unha aos galegos.

Neste sentido, invitou aos rexedores municipais a adherirse ao programa de vivendas baleiras da Xunta de Galicia, co que o concello non tería que asumir o custo dos seguros de impago e multirrisco de fogar e os adxudicatarios poderían acceder ao Bono de Aluguer Social.

A Xunta tamén axuda aos concellos galegos con préstamos autonómicos do Fondo de Cooperación, investimentos que poden utilizar para mercar os inmobles para rehabilitar ou para conseguir a totalidade do orzamento necesario para a obra de rehabilitación, xa que as axudas poden chegar a subvencionar ata o 90% da actuación.

Máis de 50 millóns de euros en axudas á vivenda

A conselleira de Medio Ambiente destacou o esforzo do Goberno galego por mobilizar incentivos para facilitar o acceso á vivenda e á rehabilitación e conservación do patrimonio xa construído, tal e como demostran os máis de 50 millóns de euros mobilizados no presente ano -que xunto con outras actuacións- implicarán a concesión de case 10.000 axudas a particulares, comunidade, concellos e promotores.

Por último, a conselleira sinalou que o 2019 será un ano de referencia en materia de rehabilitación, pois foi neste ano no que entrou en vigor a primeira Lei da Comunidade nesta materia, que ten por principio básico “que non hai maior desprotección dunha edificación que o abandono ou desuso.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/09/2019