A Xunta somete a información pública o proxecto do ramal de conexión entre a AG-53 e a N-525 en Dozón

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou hoxe o concello para anunciar esta demandada obra ao alcalde da localidade, Adolfo Campos

Esta actuación conta cun orzamento de 850.000 euros e evitará que os veciños deste municipio deban desprazarse ata Piñor para acceder á autovía con dirección a Ourense

Dozón (Pontevedra), 04 de setembro de 2019

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Dozón para anunciarlle ao alcalde deste concello, Adolfo Campos, que o Diario Oficial de Galicia anuncia hoxe saída a información pública do proxecto do ramal de conexión entre a AG-53 e a N-525.

Tal e como a Xunta avanzou a mediados de ano, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade estivo a traballar na actualización do proxecto construtivo deste acceso á autovía, coa fin de adaptalo á nova normativa en materia de trazado, drenaxe e estruturas.

“Agora sae a información pública motivado por tratarse dunha obra de novo trazado e a efectos da expropiación dos terreos”, explicou Cores Tourís.

O trazado contaría coa creación dun ramal de enlace entre a N-525 e a AG-53, a creación dun camiño de servizo, a execución de obras de drenaxe lonxitudinal e transversal, a instalación de cerramentos, así como canalización de postes SOS. Incluirase tamén a instalación de sinalización horizontal e vertical, elementos de balizamentos e barreiras de seguridade.

A construción dun acceso á autovía Dozón-Ourense é unha vella demanda deste municipio pontevedrés, que na actualidade só conta cun semienlace para acceder a esta vía de alta capacidade en dirección a Santiago.

O novo enlace evitará que os veciños de Dozón deban desprazarse ata Piñor para acceder á autovía con dirección a Ourense. “Ademais, tamén dará servizo aos concellos de Rodeiro e Agolada, facilitando así a súa conexión coa cidade das Burgas”, matizou José Manuel Cores Tourís, quen engadiu que de feito “esta obra foi un compromiso con estes concellos, xa que os alcaldes destes municipios, xunto con Xosé Crespo de Lalín, levaban tempo solicitando a súa execución de cara a gañar en accesibilidade viaria”.

A obra contará cun orzamento de 850.000 euros onde se atopa incluído tanto o IVE como as posibles expropiacións necesarias para a execución do trazado.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/09/2019