As conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, mantiveron hoxe un encontro con representantes de Amecomra
A Xunta expón ao sector do mexillón da ría de Pontevedra a achega do novo emisario submarino ao saneamento das augas e os seus beneficios para a actividade produtiva das bateas

O Goberno galego informa de que o futuro emisario submarino garante unha mellora radical con respecto ao actual en relación á afección ás bateas

Augas de Galicia deseñou a infraestrutura en colaboración co Intecmar e sobre a base dun completo estudo da dinámica da ría tendo en conta as mareas, as correntes, a temperatura da auga e a salinidade, entre outros factores

A previsión da Xunta é comezar neste ano as obras de mellora da depuradora actual e iniciar na primeira metade de 2020 a construción do novo emisario

En total, a Administración autonómica ten mobilizados actualmente máis de 28 millóns de euros para avanzar no saneamento da ría de Pontevedra coa fin de favorecer a actividade económica e cumprir os requirimentos da UE

Pontevedra, 4 de setembro de 2019

A conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, acompañadas polo xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, expuxéronlle hoxe aos representantes do sector do mexillón da ría de Pontevedra o proxecto definitivo do novo emisario submarino. Esta infraestrutura, recentemente licitada, achegará importantes beneficios ao proceso de saneamento da ría e a mellora prevista para a actividade produtiva das bateas.

Na reunión que esta mañá mantiveron cos representantes de Amecomra, os representantes do Goberno galego explicaron o proceso de deseño do novo emisario submarino, que afasta da costa o punto de vertido e suporá unha mellora radical con respecto ao actual emisario en relación coa afección ás bateas.

Augas de Galicia elaborou o proxecto do novo emisario en colaboración co Intecmar e baseándose nun exhaustivo análise do comportamento da dinámica da ría, tendo en conta múltiples variables, entre as que se encontran as mareas, as correntes, a salinidade ou a temperatura da auga.

O novo emisario submarino forma parte do Plan de saneamento local da ría de Pontevedra elaborado pola Xunta de Galicia co obxectivo de mellorar a calidade das augas desta zona para favorecer o medio, coidar a actividade económica asociada e cumprir os requirimentos da Unión Europea. A finais do 2015 constituíuse unha mesa de traballo na que están representados tanto os concellos da ría como os mariscadores e á que se informou de cada paso previsto no proceso.

En cumprimento dese Plan de saneamento elaborado, a Xunta licitou xa as obras de mellora da depuradora de Praceres e do novo emisario submarino, imprescindibles ambas para avanzar na mellora da calidade das augas.

Na xuntanza de hoxe, as conselleiras informaron de que a previsión da Xunta é iniciar este mesmo ano os traballos de mellora da depuradora e na primeira metade de 2020 comezar a construción do novo emisario submarino.

En total, a Administración autonómica ten mobilizados actualmente máis de 28 millóns de euros para avanzar no saneamento da ría de Pontevedra coa fin de favorecer a actividade económica e cumprir os requirimentos da Unión Europea.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/09/2019