O conselleiro do Medio Rural acompañou ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación na inauguración, en Lugo, do XII Congreso de Economía Agraria
A Xunta aposta pola cooperación institucional a prol dun agro galego que xa destaca en eidos como a produción láctea ou forestal

José González sinalou que a Xunta traballa por recuperar o rural e fixar poboación a través da actividade agrogandeira e forestal de calidade e “que xere valor engadido suficiente para todos os elos da cadea de valor”

Salientou ademais medidas “paradigmáticas” como a futura lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia ou o convenio para a defensa das aldeas fronte ao lume ao que xa se adheriron 225 concellos galegos

Lugo, 4 de setembro de 2019

O conselleiro do Medio Rural, José González, apostou hoxe por intensificar a cooperación institucional a prol do agro galego en particular e do español en xeral. Fíxoo no marco da inauguración do XII Congreso de Economía Agraria que se celebra en Lugo, un acto no que acompañou ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, e que tivo lugar na Escola Politécnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no Campus lucense.

O representante da Xunta incidiu na necesidade de reforzar esa colaboración e a coordinación entre as diferentes administracións e destacou que o rural galego é un exemplo tanto no ámbito español como mesmo en Europa en moitos aspectos, especialmente en eidos produtivos coma o lácteo, o forestal ou o das producións de calidade diferenciada.

Neste sentido, lembrou que Galicia ten un 97% do seu territorio catalogado como de solo rústico e constitúe unha potencia en diferentes sectores produtivos, tanto no plano nacional como europeo. Entre eles fixo especial mención ao lácteo, no que salientou que a nosa comunidade aporta o 40% da produción nacional e ocupa a oitava posición como rexión europea produtora de leite. Tamén falou do eido forestal e destacou que en Galicia –e especialmente na provincia de Lugo– fanse a metade das cortas anuais de toda España.

Por todos estes motivos, o conselleiro advertiu que “somos un territorio que ten que apostar polo rural” e nesta liña a Xunta ten unha aposta clara, a de recuperar o rural e fixar poboación a través da actividade agrogandeira e forestal de calidade e “que xere valor engadido suficiente para todos os elos da cadea de valor”, remarcou.

Neste mesmo sentido, José González trasladou que Galicia “é unha terra tamén singular na aplicación de medidas” para facer fronte a esa realidade, malia as dificultades que comportan eivas como a fragmentación da propiedade ou o minifundismo. Entre estas medidas, o conselleiro resaltou “a potenciación da calidade agroalimentaria mediante a axuda á promoción e comercialización dos nosos produtos de calidade diferenciada”, así como a “mobilización da terra agraria de xeito ordenado”.

Ordenación de usos

En relación con esta última cuestión, puxo en valor a futura lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia. Dixo que esta norma fomentará a ordenación dos seus usos, pero pensando non tanto nunha economía de subsistencia como no valor engadido e o reparto equilibrado desa riqueza na cadea de valor.

Sobre esta lei, que entrará no Parlamento antes de que remate o ano, o conselleiro advertiu que “require un compromiso político forte e tamén de todas as institucións e administracións implicadas”, polo que apelou “á concienciación de todos aqueles que temos responsabilidades políticas” a prol desa coordinación e cooperación.

Sobre a loita contra os incendios forestais, José González subliñou que por parte da Xunta “estamos desenvolvendo algúns instrumentos paradigmáticos nesa vontade de cooperación”. Entre eles destacou o convenio coa Fegamp e Seaga para a defensa das aldeas e adiantou que xa son 225 os concellos adheridos. Aproveitou tamén para pedir, de novo, que se sumen os demais a esta iniciativa.

Por outra banda, na intervención do conselleiro neste foro tamén tivo o seu lugar a futura PAC. Así, José González sinalou, ante o ministro, que “en Galicia estamos traballando, da man da Universidade de Santiago, para definir unha estratexia galega que queremos incorporar ao próximo plan estratéxico nacional”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/09/2019