A Xunta e a Asociación AIDA colaboran na atención sanitaria de nenos con necesidades especiais en Guinea Bissau

A Vicepresidencia da Xunta achegará máis de 85.000 euros ás actuacións derivadas deste convenio

O acordo tamén inclúe medidas para garantir a defensa dos dereitos do paciente e o acceso á saúde

O Goberno galego colabora desde hai dez anos coa ONGD e entre 2009 e 2018 destinou máis de 740.000 euros a proxectos no exterior en Guinea Bissau

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2019

A Xunta, en colaboración coa asociación AIDA Axuda, Intercambio e Desenvolvemento, activou o convenio de colaboración asinado entre ambas entidades co obxectivo de executar un proxecto de atención sanitaria a nenos con necesidades especiais e defensa do paciente en Guinea Bissau.

O obxectivo do acordo é contribuír a garantir o exercicio do dereito humano á saúde en Bissau, con especial atención aos nenos e nenas con necesidades especiais. A Vicepresidencia da Xunta financiará as actuacións derivadas deste convenio cunha achega de máis de 85.000 euros.

Para mellorar a defensa dos dereitos dos pacientes mediante esta colaboración acondicionarase a Oficina da Defensa do Paciente, na que se creará un equipo multidisciplinar integrado polo responsable da dirección e persoal especializado en asesoría médica, traballo social e socioloxía. A través desta oficina identificaranse os casos de vulneración de dereitos do paciente e a tramitación dos expedientes iniciados.

Na Oficina da Defensa do Paciente prestarase atención integral a nenos con necesidades especiais como parálise cerebral infantil, síndrome de Down, microcefalia ou autismo. Estes nenos recibirán consultas médicas e programas de fisioterapia a cargo de profesionais preparados en fisioterapia especializada para nenos con parálise cerebral infantil, unha formación que tamén financia o convenio. Ademais, profesores de Educación Primaria recibirán formación sobre a integración de nenos con necesidades especiais que se escolarizarán nas escolas onde estes docentes imparten clase. As familias dos nenos con necesidades especiais poderán acollerse a un plan de visitas domiciliarias e asistencia social que inclúe un programa de apoio á creación de pequenos negocios compatibles co coidado dos seus fillos.

Entre as actividades a desenvolver tamén se promoverá o acceso á información sobre os dereitos de acceso á saúde da cidadanía coa edición e emisión de programas radiofónicos relacionados co dereito á saúde, así como a difusión dun boletín informativo mensual sobre as actividades de promoción de saúde e dun decálogo cos dereitos do paciente.

Esta actuación súmase a outras que a Xunta, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, e asociación AIDA realizan de forma conxunta dende o ano 2009 coa posta en marcha de intervencións ás que ata 2019 a Administración autonómica achegou máis de 865.000 euros. Neste periodo as axudas do Goberno galego permitiron financiar proxectos no exterior en Guinea Bissau relacionados coa mellora da seguridade alimentaria e da educación básica, a atención de persoas seropositivas ou a loita contra a explotación infantil. No 2017 tamén se levou a cabo un proxecto de acción humanitaria no Líbano para axudar na acollida de refuxiados sirios e no 2019 estase a desenvolver outro proxecto de axuda ás vítimas de violencia de xénero no Líbano.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/09/2019