Educación abre o prazo para a creación e continuidade dos programas Clubs de Lectura e Biblioteca Creativa nos centros públicos

Un total de 243 centros de ensino participaron o curso pasado nos Clubs de Lectura, co fin de impulsar o hábito lector, mellorar as habilidades sociais e a aprendizaxe

Coa iniciativa Biblioteca Creativa, que se abre a 25 novos centros escolares, búscase familiarizar aos máis cativos coa robótica e a linguaxe de programación

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2019

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de abrir dúas convocatorias de apoio e dinamización das bibliotecas escolares, a que poderán acollerse os centros educativos públicos. Trátase dos programas de Clubs de lectura (impulso de hábitos lectores) e de Biblioteca Creativa (para o impulso da robótica e a linguaxe de programación)

A convocatoria para a creación ou continuidade dos Clubs de Lectura vai dirixida a centros públicos titularidade da consellería que imparten ensinanzas de ESO, Bacharelato, FP o de réxime especial. O pasado curso participaron nesta iniciativa un total de 243 centros de toda Galicia e aproximadamente 12.300 alumnas e alumnos.

Poderán presentar solicitude os centros que teñan ou vaian crear un club de lectura dentro da programación da súa biblioteca escolar, con un ou máis grupos de alumnos e mesmo coa implicación doutros membros da comunidade educativa, en tempos de lecer ou horario extraescolar. Os centros seleccionados recibirán unha asignación, que se destinará fundamentalmente á adquisición de libros para as actividades do club e que pasarán despois aos fondos da biblioteca.

O prazo límite para a presentación de solicitudes é o 15 de outubro de 2019. Deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado de carácter xeral dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia a través de calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365.

Á hora de seleccionar os centros valoraranse as iniciativas destinadas a impulsar a lectura de textos en lingua galega e que busquen contribuír a un maior vínculo das mozas e mozos coa lingua e a literatura galegas. Así mesmo, primaranse as que fomente a participación nos grupos de lectura de varóns, co fin de contrarrestar os estereotipos de xénero nesta materia. Así mesmo, serán valoradas de forma especial as propostas que impulsen a participación do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Igualmente valorarase a existencia de grupos de adultos ou mixtos (alumnado-adultos).

Os clubs de lectura funcionan como grupos de dinamización a prol da lectura nas comunidades educativas e como ámbitos de aprendizaxe de competencias clave para a vida. Asemade, ao implicar a diferentes membros da comunidade, son espazos para a convivencia e a educación cidadá; ao mesmo tempo que son útiles para incorporar á lectura a mozos e mozas que presentan pouco interese por este hábito. Os clubs estanse demostrando, así mesmo, útiles para mellorar a autoestima e as habilidades sociais e de lectura do alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe.

Por outra banda, nestas reunións adoitan introducirse as tecnoloxías da comunicación e a lectura dixital, así como as relacións con outros clubs, con bibliotecas públicas ou con entidades culturais do entorno máis próximo.

Premio Clubs de Lectura 2020

Este galardón creado no 2015 pretende recoñecer a autora ou autor galego más lido polos clubs de lectura, co obxecto de poñer en valor o labor dos creadores galegos que facilitan coas súas obras a función do profesorado como mediadores de lectura e que concitan o interese das persoas que toman parte nos clubs, contribuíndo á construción de novos lectores e lectoras na etapa da adolescencia.

Para a concesión do premio 2020 terase en conta os libros lidos polos clubs de lectura no curso precedente (nesta ocasión no curso 2018/2019).

25 novos centros para o programa Biblioteca Creativa

Tamén está aberto o prazo para a incorporación de 25 novos centros educativos públicos ao programa Biblioteca Creativa, que ten como obxectivo estimular a iniciación do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e na linguaxe da programación. Ademais, os centros que xa participan na iniciativa poderán pedir a súa continuidade na mesma.

Os 25 centros públicos de infantil e primaria que resulten seleccionados recibirán os materiais necesarios para a construción dun mínimo de catro Escornabots, así como outros materiais precisos para a posta en marcha da iniciativa. Cómpre aclarar que os Escornabots son pequenos robots construídos sobre Arduino, a plataforma de robótica máis estendida a nivel educativo e profesional, que conta cunha ampla comunidade de persoas usuarias e desenvolvedoras, o que facilita o acceso a unha importante base de documentación para os proxectos que se realicen nas bibliotecas.

Ademais todo o software, hardware e o deseño do robot son libres. De feito, o programa realízase en colaboración cos integrantes do proxecto Escornabot, integrado en Bricolabs, asociación de fomento de investigación en tecnoloxías libres.

Pola súa banda os centros que renoven a súa participación recibirán unha asignación para ampliar o proxecto, ben sexa coa dotación dun recuncho creativo dentro da biblioteca con recursos de robótica e impresión 3D; coa adquisición de materiais que faciliten a investigación, a experimentación e a creación de forma creativa, ou a través da formación do alumnado a través de obradoiros relacionados coa creación audiovisual ou outros ámbitos relacionados co programa impartidos por profesionais do eido.

Neste momento participan no programa Biblioteca Creativa un total de 55 centros de ensino públicos de toda Galicia.

Solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes para continuar ou incorporarse ao programa estará aberto ata o 18 de setembro. Os centros interesados deberán impartir educación infantil e/ou primaria e estar integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE). Ademais deberán contar cunha persoa dentro do equipo da biblioteca que participe na actividade de formación inicial prevista no proxecto.

A presentación de solicitudes farase cubrindo o anexo I da convocatoria e a través do formulario aloxado na páxina de Bibliotecas Escolares de Galicia.

Plan LÍA

Biblioteca Creativa é un programa enmarcado no Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares da Consellería, que ten entre os seus obxectivos xerais o de facilitar recursos e oportunidades para a incorporación de metodoloxías activas e para a integración nos centros das tecnoloxías emerxentes. Neste sentido, un dos desafíos do Plan é o de crear nas bibliotecas un centro creativo de aprendizaxes no que o alumnado poda experimentar e investigar con todo tipo de ferramentas e recursos.

Así mesmo, entre os retos do LÍA 2019/2020 está o de favorecer a alfabetización múltiple, neste caso a través da introdución nas bibliotecas da linguaxe da programación e da cultura maker (faino por ti mesmo) en actividades destinadas a mellorar a comunicación lingüística do alumnado, a expresión oral, o razoamento lóxico, a creatividade, o traballo colaborativo e a aprendizaxe manipulativa.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/09/2019