Galicia impulsa coa Bretaña francesa e Portugal o deporte náutico adaptado no proxecto 'SANA'

Esta iniciativa está financiada con fondos europeos e busca mellorar a oferta de deportes de natureza, tanto náuticos coma terrestres, para persoas en situación de discapacidade coa finalidade de promover a súa inclusión social

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 7 de setembro de 2019

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, puxo hoxe de relevo a importancia de iniciativas como o proxecto europeo SANA para por en valor os destinos naturais, culturais e náuticos de Galicia como destinos accesibles e integradores. Así o destacou na presentación desta iniciativa que ten como socio en Galicia á Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+) e na que tamén participan entidades da Bretaña francesa e do norte de Portugal.

Este proxecto, financiado con fondos europeos a través do programa ERAMUS+, busca mellorar a oferta de deportes de natureza, tanto náuticos coma terrestres, para persoas en situación de discapacidade coa finalidade de promover a súa inclusión social. Para iso, tamén conta con colaboradores como Cogami, que aporta a súa experiencia na inclusión de persoas con discapacidade.

SANA significa en esperanto “adaptado ao deporte náutico e natural” e inclúe entre as súas accións a creación dun selo de calidade para recoñecer as rutas terrestres, instalacións náuticas e actividades deportivas en xeral que estean adaptadas para persoas con discapacidade. Outra acción do proxecto é a elaboración de material pedagóxico para promover a inclusión nas actividades deportivas, dirixido aos monitores e acompañantes dos deportistas en situación de discapacidade.

A directora xeral explicou que este proxecto se suma a outras iniciativas desenvolvidas en Galicia como Sentir o Mar ou Sensea, esta última enmarcada no proxecto Ecodestin_3IN que son símbolo da cultura integradora e da accesibilidade e animou ás entidades, profesionais e voluntarios relacionados con este eido a sumarse á iniciativa.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 07/09/2019