Trece empresas aspiran á construción por preto de 1,4 millóns de euros do novo centro de saúde de Bouzas, no concello de Vigo

O novo edificio sanitario contará cunha superficie construída de 860 metros cadrados e un prazo de execución de 14 meses, para dar servizo a 10.000 usuarios

O deseño procurará a máxima integración coa contorna respectando o volume das construcións históricas das parcelas, hoxe practicamente desaparecidas

O obxectivo do Goberno galego é atender ás necesidades dos veciños da Vila de Bouzas que agora reciben asistencia sanitaria en López Mora, Beiramar ou Navia

Os pacientes de Bouzas poderán elixir entre seguir no seu centro de saúde actual ou pedir o cambio ao novo da súa vila cando estea rematado

Vigo, 7 de setembro de 2019

Trece empresas, doce delas galegas e unha con sede en Madrid, presentaron as súas ofertas para a construción do novo centro de saúde de Bouzas, que a Xunta licitou o pasado 6 de agosto por por preto de 1,4 millóns de euros e un prazo máximo de execución previsto de 14 meses dende a firma do acta de comprobación de replanteo.

O obxectivo do Goberno galego é que a finais do 2020 os veciños da vila que actualmente reciben asistencia nos centros de saúde de López Mora, Beiramar ou Navia conten cun centro sanitario de Atención Primaria de primeira orde na súa contorna.

O Centro de Saúde de Bouzas estará emprazado nas inmediacións da Alameda, entre as rúas Suárez Llanos e Ferreiros. Para a súa execución procurarase a máxima integración na contorna de acordo co establecido no Plan Especial de Reforma Interior (PEPRI) dese ámbito e mediante o mantemento e reprodución do volume e dos elementos característicos das construcións históricas que ocupaban as parcelas e que na actualidade se atopan practicamente abandonadas.

Por ese motivo, o centro de saúde constará de dous volumes construtivos, con dous plantas cada un, que sumarán unha superficie total de 860 metros cadrados e que se comunicarán mediante unha galería. Estará equipado con tres consultas de medicina xeral, tres de enfermería e unha sala polivalente.

Licenzas e permisos

O proxecto aprobado é o que obtivo licenza hai meses por parte do Concello de Vigo. O Sergas fixo hai 10 anos outro proxecto que contaba con soto, baixo e baixo cuberta. O Concello non lle outorgou licenza nin Patrimonio Histórico autorizou a actuación.

Por iso, para dotar asistencialmente á vila realízase este novo proxecto cunhas características axeitadas á localización da parcela cedida en 2008 polo Concello de Vigo. Mantén o parcelario primitivo do núcleo histórico de Bouzas, cun patio interior. Obtivo autorización de Patrimonio Histórico. Completa a asistencia sanitaria xa realizada co Centro de Saúde de San Paio de Navia. Aproveita e dá vida a un barrio histórico, xa que de levarse a cabo a actuación prevista hai 10 anos teríase que construír noutra parcela afastada do núcleo tradicional de Bouzas. Asi aprovéitase a parcela inicial de Bouzas e dáse vida ao casco vello da vila boucense.

Unha vez rematado e novo centro de saúde os pacientes se incorporarán cun criterio de voluntariedade, é dicir ofrecéndoselles trasladarse ao novo centro ou quedar onde estean a ser atendidos agora mesmo.

No pasado o goberno bipartito na Xunta decidiu non facer o centro de Bouzas e optou por construír o centro de Navia cunha capacidade para ata 30.000 pacientes, para unha zona que contaba no ano 2017 con pouco máis de 6.000 habitantes. A Xunta constrúe agora o centro de Bouzas no centro da vila con capacidade suficiente para atender a toda a poboación que actualmente vive alí. No ano 2017 o censo de habitantes en Bouzas era de 5.941. O centro de saúde, dotado con seis consultas de medicina e enfermaría, está deseñado para dar cobertura a 10.000 usuarios.

O de Bouzas é un dos 20 novos centros de saúde planificados pola Consellería de Sanidade dentro dun programa de infraestruturas sanitarias de Atención Primaria que se atopa en pleno desenvolvemento.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 07/09/2019