A Xunta resalta o labor do centro de iniciativas profesionais de Vigo na formación dos novos perfís que demanda o tecido empresarial

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, participou na entrega de diplomas da entidade, que celebra 30 anos de experiencia docente

Sinala que as políticas de emprego da Administración autonómica se fundamentan na formación como panca de cambio para lograr un emprego estable e de calidade

Neste ámbito, a nova edición das Unidades Formativas na Empresa conta con 8M€ co obxectivo de que as empresas galegas poñan en marcha 500 unidades formativas para cualificar arredor de 4500 persoas

O DOG publica hoxe a convocatoria específica para persoas desempregadas, que contempla tamén incentivos para a súa contratación

Vigo, 6 de setembro de 2019

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, destacou hoxe no acto de entrega de diplomas dun dos programas de máster do Centro de Iniciativas Profesionais (CIP) de Vigo o labor desta entidade, que celebra 30 anos de experiencia docente, na formación dos novos perfís que demanda o tecido empresarial.

Na súa intervención, o director xeral sinalou que as políticas de emprego da Xunta se fundamentan na formación como panca de cambio para lograr un emprego estable e de calidade, poñendo o foco nos sectores estratéxicos e na nova Industria 4.0.

Neste ámbito, a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 8 millóns de euros a unha nova edición das Unidades Formativas na Empresa, unha iniciativa que permitirá que as empresas galegas poñan en marcha 500 unidades formativas para cualificar arredor de 4500 persoas traballadoras e desempregadas, atendendo así ás demandas reais do tecido produtivo galego e poñendo o foco nos sectores estratéxicos da Axenda Industria 4.0.

Por unha banda, nas Unidades Formativas na Empresa para desempregados, cuxa convocatoria se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), investiranse 3 millóns de euros. O obxectivo é formar a 1500 parados a través de 100 cursos. As empresas beneficiarias comprométense a contratar polo menos ao 40% dos alumnos e alumnas que participen na medida.

A Xunta, ademais, apoiará ás compañías nas contratacións cando superen o compromiso fixado do 40%. Os contratos indefinidos financiaranse con axudas de entre 7000 e 18.000 euros. As contías máximas outórganse para os colectivos con especiais dificultades para atopar un emprego, como son os parados de longa duración, persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social, mulleres, maiores de 45 anos ou emigrantes retornados. Tamén se bonifica con máis apoio nas contratacións cando a empresa está emprazada no rural galego.

Ademais dos cursos destinados a persoas desempregadas, poñeranse en marcha 400 unidades formativas para que as empresas melloren a cualificación dos seus propios traballadores, nas que se prevé que participen 3000 persoas. Será mediante unha convocatoria dotada con 5 millóns de euros e que se publicará nas próximas semanas, tras a aprobación onte no Consello da Xunta.

Data de actualización: 06/09/2019