A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19,30 h de hoxe

Segue activo, pero cunha evolución favorable, o incendio forestal do concello coruñés de Ribeira, que afecta tamén ao de Porto do Son, cunha superficie dunhas 175 hectáreas, segundo as últimas medicións

Continúan controlados os lumes de Fisterra (130 ha), Monforte de Lemos (465 ha), Cenlle (45,91 ha) e Lobeira (150 ha), este último rexistrado no Parque Natural do Xurés

Quedaron extinguidos os lumes de Porto do Son-Miñortos (89,4 ha) e de Muíños-Requiás, que afectou tamén 10 hectáreas do Parque do Xurés
 

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2019

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19,30 h. de hoxe.

Continúa activo desde as 23,04 h. de onte, pero evoluciona favorablemente, o incendio forestal do concello coruñés de Ribeira, que se iniciou na parroquia de Oleiros e que tamén afecta ao veciño municipio de Porto do Son. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 175 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para o seu control mobilizáronse 15 axentes, 29 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 9 helicópteros e 4 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Permanecen controlados os seguintes lumes: Fisterra-Sardiñeiro, con arredor de 130 hectáreas afectadas; Monforte de Lemos (465 ha); Cenlle (45,91 ha) e Lobeira (150 ha dentro do Parque Natural do Xurés).

Quedaron extinguidos os incendios de Porto do Son-Miñortos (89,4 ha) e Muíños-Requiás (10 hectáreas dentro do Parque do Xurés).

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

 

Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 07/09/2019