A conselleira, xunto co delegado territorial da Xunta, na Coruña, Ovidio Rodeiro, comprobou hoxe o funcionamento da planta fotovoltaica instalada nesta infraestrutura no marco do proxecto de cooperación Galicia-Norte de Portugal, Aqualitrans
Ethel Vázquez destaca o modelo de eficiencia enerxética da EDAR de Cedeira, cun consumo de enerxía renovable de ata o 15%, para acadar depuradoras máis sostibles a nivel ambiental e económico

Vázquez Mourelle explica que a intervención nesta instalación forma parte do plan de colaboración transfronteiriza, no que se inclúen melloras nas EDAR de Nigrán, Gondomar, A Pobra do Caramiñal e Ares, cun investimento de case 1 millón de euros

Sinala que o análise destas EDAR servirá de experiencia para exportar a outras depuradoras, cifrando os aforros enerxéticos das obras nas 5 plantas nuns 100.000 Kw/h ano ao tempo que evitará a emisión de 40 tm de gases de efecto invernadoiro

Pon o acento na implicación da Xunta na mellora do funcionamento destas infraestruturas de competencia municipal, tarefa na que tamén as Deputacións deben colaborar cos Concellos

Indica que a esta intervención na EDAR de Cedeira súmanse outras actuacións de Augas de Galicia na mellora do saneamento na vila coruñesa, con obras adxudicadas ou en execución avanzada, e nas que se está a investir máis de 800.000 euros

Cedeira (A Coruña), 9 de setembro de 2019

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o modelo de eficiencia enerxética no funcionamento da EDAR de Cedeira, cun consumo de enerxía renovable de ata o 15%, para acadar infraestruturas de depuración máis eficientes enerxeticamente e máis sostibles a nivel ambiental e económico.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, quixo achegarse hoxe á estación depuradora de augas residuais de Cedeira para avaliar, sobre o terreo os avances acadados coas obras de mellora da eficiencia enerxética postos en marcha no marco do proxecto Aqualitrans, que se está levando a cabo entre distintos organismos de Galicia e Norte de Portugal.

Este programa de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal está cofinanciado con fondos europeos, e conta cun investimento de case 1 millón de euros. E segundo dixo a conselleira, o seu obxectivo é a mellora da eficiencia enerxética do proceso de depuración, asegurando en todo momento a calidade da auga tratada, logrando un mellor rendemento de depuración, menores consumos enerxéticos e redución de emisións de CO2.

Sinalou que a análise teórica e práctica do funcionamento destas EDAR permitirá dispoñer dun modelo que poder exportar a outras depuradoras de cara a conseguir infraestruturas de depuración máis eficientes enerxeticamente e máis sostibles a nivel ambiental e económico.

Explicou que no marco deste programa conxunto traballouse na elaboración dun estudo sobre o consumo enerxético en 20 estacións depuradoras, 10 galegas e 10 no país veciño, resultando seleccionadas 5 galegas, entre elas a de Cedeira, onde se implantaron as medidas de optimización enerxética que se determinaron no estudo. As outras 4 son as EDAR de Nigrán, Gondomar, A Pobra do Caramiñal e Ares.

Precisou que os aforros enerxéticos que se esperan acadar coas obras realizadas nas 5 depuradoras galegas con este proxecto superará os 100.000 Kw/h ano, evitando a emisión de 40 tm de gases de efecto invernadoiro. Actuacións que, tamén en Cedeira, reducen a pegada de carbono do sistema de depuración, a través de enerxías renovables que reducen o consumo enerxético e minimizan os custos de mantemento e, polo tanto, tamén dos recursos públicos.

Vázquez Mourelle puxo o acento na implicación do departamento que dirixe con estas infraestruturas de competencia municipal, para que funcionen e sexan máis eficientes, tarefas nas que tamén as Deputacións deben colaborar cos Concellos, lembrou.

No caso concreto desta depuradora de Cedeira instaláronse paneis fotovoltaicos para a xeración de enerxía eléctrica renovable. Máis en concreto, 74 módulos fotovoltaicos, unha instalación que aproveita a luz solar, e cun sistema de monitorización que permite acceder vía web a todos os datos de produción de consumo.

A conselleira explicou que a enerxía producida por estas placas solares destínase, na súa totalidade, ao funcionamento da depuradora e consúmese no mesmo momento que se produce. Non hai baterías e, ademais, conta cun sistema de “vertido 0”, que axusta a produción ao consumo.

Ademais, engadiu, para garantir un subministro de enerxía continuo, a depuradora mantense conectada á rede xeral, de tal xeito que cando non é suficiente a electricidade xerada polos paneis fotovoltaicos, se alimenta da rede eléctrica normal.

A conselleira sinalou que este sistema de mellora enerxética na EDAR de Cedeira está en funcionamento desde mediados de febreiro, traballando sen unha soa incidencia, e xa ten dado resultados. E indicou que ata xullo a electricidade xerada permitiu cubrir máis do 11% do consumo total que necesitou a depuradora, e o obxectivo é chegar a producir o 15% do total da enerxía consumida pola EDAR cun sistema 100% renovable, sen emisións contaminantes, ruídos nin vertidos.

Vázquez Mourelle salientou así a importancia desta actuación de mellora do sistema de depuración da EDAR de Cedeira, ao que se teñen que engadir outras como a intervención da Xunta na depuradora que xa está adxudicada para ampliar a capacidade de aireación do sistema de regulación e instalar un tomamostras automático.

A conselleira tamén se referiu á mellora do saneamento na vila coruñesa, que permitirá ter unha rede separativa para as augas pluviais, o que mellorará a capacidade da depuradora en tempo de chuvia. Actualmente está en execución e xa bastante avanzada. En total, investimentos de máis de 800.000 euros para a mellora do saneamento en Cedeira.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/09/2019