Galicia abrirá en Porto un restaurante 8 Estrelas Michelin e 20 Soles Repsol que promoverá a excelencia da nosa gastronomía

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente de Nove, Miguel Ángel Campos, asinaron un convenio con diversas liñas de acción

Os cociñeiros do grupo realizarán as súas creacións neste establecemento efémero, situado no Hotel Carrís Porto Ribeira, entre o 24 de outubro e o 17 de novembro

O local temporal funcionará como embaixador da nosa cultura e gastronomía ofrecendo unha imaxe da calidade que os viaxeiros poden atopar en Galicia

A iniciativa pretende afondar na internacionalización da nosa oferta nun mercado de gran potencial e desestacionalizar a actividade fóra da tempada estival

O acordo inclúe, ademais, o impulso de ‘Rutas Nove’, un paquete premium para turistas interesados en experiencias únicas arredor da cociña galega

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2019

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente de Nove, Miguel Ángel Campos, asinaron hoxe un convenio de colaboración para promover Galicia como destino enogastronómico. O acordo permitirá, entre outras actuacións, que Galicia abra en Porto un restaurante 8 Estrelas Michelin e 20 Soles Repsol co obxectivo de promover a excelencia da nosa cociña.

O establecemento será atendido por todos os chefs de Nove, que unirán o seu talento do 24 de outubro ao 17 de novembro neste local efémero situado no Hotel Carrís Porto Ribeira, con servizo de ceas de martes a domingo. Como salientou o titular de Cultura e Turismo da Xunta, o restaurante “funcionará como embaixador da nosa cultura e gastronomía ofrecendo unha imaxe de calidade que os viaxeiros poden atopar na nosa Comunidade”.

Ademais do presidente de Nove, o acto de sinatura contou coa presenza dos chefs Xosé Cannas, Manuel Costiñas, Yayo Daporta, Lucía Freitas, Juan Crujeiras, Roberto Filgueira, Javier Rodríguez Taky e Álvaro Villasante, así como da directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro. Precisamente, o obxectivo deste restaurante efémero será recrear a esencia de Nove ofrecendo un menú degustación elaborado polos 22 chefs do grupo na cidade de Porto, coa finalidade de exportar a alta cociña galega máis alá das nosas fronteiras.

Así mesmo, o titular de Cultura e Turismo destacou a “profesionalidade e o bo facer” dos chefs de Nove e puntualizou que esta acción “favorecerá a internacionalización da nosa oferta enogastronómica nun mercado de gran potencial”, contribuíndo así a desestacionalizar a actividade turística fóra da tempada estival, atraendo viaxeiros “durante os doce meses do ano”.

Paquete ‘Rutas Nove’

O acordo asinado entre a Xunta de Galicia e Nove inclúe ademais o impulso de Rutas Nove, un paquete premium para os turistas interesados en experiencias únicas centradas nas potencialidades da cociña galega. Dentro deste produto haberá tres paquetes, o primeiro deles centrado nos amantes da natureza que busquen un aloxamento respectuoso co medio ambiente e interesados en degustar produtos galegos de proximidade e de tempada.

O segundo dos paquetes aproveitará a ampla rede de balnearios galegos para ofrecer un produto centrado no turismo de benestar e saúde a descubrir os beneficios da dieta atlántica. Por último, o terceiro dos paquetes está enfocado a aloxamentos de cinco estrelas e experiencias gastronómicas en restaurantes con Estrelas Michelín. Todos estes produtos poderán adquirirse a través da web de Turismo de Galicia, na web do grupo Nove e na doutros socios involucrados como hoteis ou balnearios.

O conselleiro de Cultura e Turismo recordou que o Goberno galego puxo en marcha diferentes medidas como a estratexia Galicia Sabe para situar a Comunidade como destino enogastronómico de primeiro nivel. Froito desta actuación, destacou, xa se ten realizado un mapa dos recursos enogastronómicos da Comunidade, rexistrando máis de 2.200.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/09/2019