O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe a escola
A Galiña Azul de Lalín-Pontiñas comeza o curso cunha nova unidade que amplía 13 prazas a súa capacidade

O centro conta agora con 74 prazas e cinco unidades

A colaboración entre Xunta de Galicia e Concello posibilitou a posta en funcionamento da nova aula
 

Lalín (Pontevedra), 9 de setembro de 2019

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado polo alcalde da localidade, Xosé Crespo, visitou hoxe a escola infantil de Pontiñas en Lalín, pertencente a rede autonómica a Galiña Azul, para constatar o bo funcionamento da nova unidade de 1 a 2 anos creada pola Xunta de Galicia para este curso.

O centro que contaba con 61 prazas e 4 unidades aumentou a súa capacidade ata as 74, grazas ás actuación de acondicionamento que permitiron a posta en marcha da nova aula que posibilitou incluír ás nenas e nenos que tiñan solicitado praza durante o período ordinario de matrícula. As dúas escolas públicas de Lalín suman así un total de 148 prazas o que supón unha rateo de atención do 36%, tres puntos por riba da recomendado pola Unión Europea.

Perfecto Rodríguez salientou que grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello puideron axilizarse as actuacións necesarias para abrir a aula. O Concello foi o encargado de realizar as melloras na escola e a consellería de Política Social financia as mesmas a través da compensación ao Concello na liquidación anual que emite o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que ademais dotou á escola do persoal necesario para atender a nova unidade.

O xerente do Consorcio destacou que esta nova aula permitiu a practica eliminación da lista de agarda no grupo de idade de 1 a 2 anos no municipio, respondendo así ás necesidades de conciliación das familias tanto do concello de Lalín como da comarca do Deza.

Cómpre recordar que Lalín ten dúas escolas infantís públicas. Ademais do centro de Pontiñas, as familias lalinenses contan cunha escola emprazada no Polígono Lalín 2000 e que está dotada con 74 prazas. Os dous centros teñen tódalas súas prazas ocupadas quedando vacantes tan só as reservadas para emerxencia social.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/09/2019