A Xunta inicia os trámites para a modificación do proxecto sectorial da cidade do transporte de Ponte Caldelas

Trátase de adaptar este ámbito ás necesidades actuais e potenciar a oferta de solo empresarial na zona de Pontevedra

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2019

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, iniciou os trámites para a modificación do proxecto sectorial da Cidade do Transporte de Ponte Caldelas, co fin de adaptalo ás necesidades actuais e potenciar a oferta de solo empresarial na zona de Pontevedra.

Con esta modificación búscase adaptar a configuración e a normativa da Cidade do Transporte, co obxectivo de dinamizar a implantación de novas empresas ou o traslado ou ampliación doutras xa existentes e que necesiten solo urbanizado para o desenvolvemento dos seus proxectos.

Así, a modificación do proxecto sectorial incidirá na parcelación e usos das parcelas e en cuestións puntuais como a alineación das naves que se constrúan nas mesma ou na mellora dos servizos e dotacións das parcelas do parque empresarial.

O IGVS convocará proximamente reunións cos representantes municipais de Ponte Caldelas e coas asociacións do sector (transportistas e empresarios) co obxectivo de por en común os diferentes aspectos que se abordarán a través desta modificación.

Actualmente, a Xunta dispón en Ponte Caldelas do parque empresarial da Reigosa e da Central de Transportes, que se atopan apegadas.

No parque empresarial da Reigosa están dispoñibles 14 parcelas, cunha superficie total de máis de 136.000 metros cadrados, mentres que a Central de Transportes ofrece máis de 37.000 metros cadrados. Nos dous casos a bonificación do prezo de venda é do 30 por cento.

Dende 2016 a Xunta adxudicou preto de 38.000 metros cadrados de solo bonificado en Ponte Caldelas. A bonificación sobre o prezo de venda dos mesmos foi de preto de 950.000 euros.

Data de actualización: 11/09/2019