O presidente da Xunta respondeu hoxe ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara
Feijóo remitirá hoxe ao presidente do Goberno central en funcións unha proposta de Real Decreto lei que habilitaría ao Executivo a ingresar os recursos que debe ás comunidades

Avanza que xunto ao texto incluirase un informe dos letrados da Xunta e unha proposta de Real Decreto-lei para que se aprobe a próxima semana no Congreso, e que Galicia reciba “os 700 millóns que os galegos pagamos nos impostos desde xaneiro”

“Que nos paguen o que nos deben xa”, sentencia, lembrando que esta é unha demanda unánime dos presidente autonómicos

A pesar da inestabilidade que o PSOE está a inxectar á facenda pública autonómica, afirma que no que queda de lexislatura, ademais de gobernar e de cumprir, “imos empregar a estabilidade da Comunidade para deseñar a Galicia de 2030”, garante

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2019

Co obxectivo de acurtar prazos e de que non haxa máis escusas, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou esta mañá no Parlamento de Galicia que, hoxe mesmo, remitirá ao presidente do Goberno central en funcións, unha proposta de Real Decreto-lei, validada polos servizos xurídicos da Administración autonómica, que habilitaría ao Executivo de España a ingresar os recursos que debe ás comunidades.

“Remitirei ao presidente do Goberno unha carta pedíndolle, en primeiro lugar, que reconsidere ese bloqueo descabellado á sanidade, aos servizos sociais, á dependencia e á educación de todas ás comunidades autónomas”, sentenciou, precisando que xunto ao texto incluirase un informe dos letrados da Xunta e unha proposta de Real Decreto-lei para que se aprobe a próxima semana no Congreso dos Deputados, co fin de que Galicia poida recibir “os 700 millóns que os galegos pagamos nos impostos desde xaneiro”.

O Real Decreto-lei, que entraría en vigor o mesmo día da súa publicación no BOE, precisa no seu artigo primeiro a concesión polo Ministerio de Facenda de anticipos de tesourería a conta da liquidación definitiva dos tributos cedidos, do Fondo de Garantía de servizos públicos fundamentais e do Fondo de suficiencia. E terán a consideración de recursos non financeiros das comunidades autónomas e serán cancelados no momento en que se practique a liquidación definitiva do sistema de financiamento correspondente ao exercicio respecto do que se concederon.

“Que nos paguen o que nos deben xa”, sentenciou o titular da Xunta, lembrando que esta é unha demanda unánime dos presidente autonómicos.

Ao longo da súa intervención, Feijóo asegurou que, “ao contrario do que fai o señor Sánchez que, nin goberna nin plantexa unha política centrada”, o goberno que preside seguirá traballando e garantindo a estabilidade en Galicia para deseñar a Galicia de 2030.

“A pesar da inestabilidade do Partido socialista e da inestabilidade que o PSOE está a inxectar á facenda pública autonómica, no que queda de lexislatura, ademais de gobernar e de cumprir, imos empregar a estabilidade da Comunidade para facer outra cousa máis que é deseñar a Galicia de 2030”, garantiu.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/09/2019