Galicia organiza un seminario sobre a valorización dos produtos pesqueiros procedentes do río Miño

A xornada celébrase no marco do proxecto europeo Visit Río Minho e terá lugar o vindeiro venres 13 de setembro no Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo

As persoas interesadas en asistir a el poden inscribirse de balde a través da web do Cetmar

Vigo, 11 de setembro de 2019

A Fundación Cetmar reunirá o próximo venres, 13 de setembro a expertos en xestión e valorización de recursos pesqueiros co obxectivo de abordar as posibilidades de mellorar a actividade pesqueira do río Miño e de fortalecer e consolidar os seus produtos a través dunha certificación de garantía alimentaria.

No transcurso da xornada desenvolveranse diferentes relatorios que pretenden contribuír a fortalecer os procesos asociados á valorización dos recursos pesqueiros do río Miño como estratexia para combater o fraude e a pesca ilegal e para mellorar a situación económica dos axentes locais fomentando o desenvolvemento do territorio da fronteira galego-portuguesa.

O seminario é unha acción máis das desenvolvidas no marco do proxecto europeo Visit Río Minho, financiado polo programa Interreg V-A España-Portugal (Poctep), e as persoas interesadas en asistir a el poden inscribirse de balde a través deste enlace.

Este proxecto europeo ten como obxectivo capitalizar a marca Río Miño a través dun conxunto de actividades transfronteirizas para preservar e valorizar os grandes recursos asociados a esta contorna natural, como a anguía, a lamprea ou o sábalo, a través dunha certificación de garantía alimentaria. Outros dos seus fins son a mellora da xestión destes recursos e a promoción do patrimonio natural e cultural asociado.

Visit Río Minho está coordinado pola Comunidade Intermunicipal do Minho-Lima (CIM Alto Minho) e participan nel como socios, ademais do Cetmar, a Deputación de Pontevedra, a Universidade de Vigo e diversas institucións portuguesas. Conta cun orzamento de cinco millóns de euros, e prolongará as súas actividades ata decembro deste ano.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 11/09/2019