Galicia e Aragón analizan os sistemas de recepción das chamadas de emerxencia co fin de incrementar a calidade da atención ao cidadán

O xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, mantivo esta mañá no 112 Galicia un encontro con responsables do servizo aragonés para o estudo e aproveitamento de posibles sinerxías que melloren a atención das persoas en situacións de perigo

Este equipo de traballo sinalou a importancia de activar o intercambio e o coñecemento entre os servizos de emerxencias coa vista posta nunha meta común como é a homoxeneización dos procedementos e sistemas

A Estrada (Pontevedra), 11 de setembro de 2019

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia acolleu hoxe unha xornada de traballo, na que se deron cita responsables dos servizos de emerxencias de Galicia e Aragón para analizar os respectivos sistemas de recepción de chamadas e aproveitar as posibles sinerxías que permitan incrementar a calidade da atención á cidadanía.

Así, o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, foi o encargado de recibir nas instalacións da Estrada á delegación aragonesa, que puido coñecer de primeira man os recursos e os medios cos que conta a Xunta de Galicia para dar resposta ás situacións de emerxencias que teñen lugar nesta Comunidade e se canalizan a través do número único 112.

Este percorrido polas instalacións e servizos que se integran no recinto estradense incentivou o intercambio de coñecementos e experiencias que ambas as dúas delegacións cualificaron como moi positivo por canto se aproxima a meta común, que é a homoxeneización dos procedementos e sistemas de atención ás chamadas de emerxencia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/09/2019