Xunta, Fegamp e deputacións constitúen a nova comisión de seguimento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais para o período 2019-2021

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participaron esta mañá na constitución da nova Comisión

No marco da xuntanza acordouse tamén dar comezo co estudo do reparto territorial dos novos Grupos de Emerxencias

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2019

Xunta, Fegamp e as Deputacións Provinciais constituíron hoxe a nova comisión de seguimento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais para o período 2019-2021. No marco da xuntanza acordaron tamén estudar onde se ubicarán os novos GES conforme criterios técnicos e obxectivos e en consenso entre todas as Administracións.

Por parte da Xunta asistiron a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias; o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; e o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto. Por parte da Fegamp, asistiron o presidente Alfredo García e o seu vicepresidente Alfonso Villares. Ademais, de representantes das catro deputacións provinciais.

Os GES comezaron a funcionar na nosa comunidade no ano 2013, complementando un novo mapa de emerxencias que cubre todo o territorio galego, e ofrecendo así unha resposta áxil e eficaz a todos os cidadáns galegos ante calquera incidencia. A súa posta en marcha foi consensuada entre Xunta, deputacións e concellos, e o goberno galego ademais encargase da formación do persoal na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, na Estrada.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/09/2019