A residencia de tempo libre do Carballiño acolleu durante o verán tres quendas do campamento 'Facendo Camiño' no que participaron 36 persoas con discapacidade

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou aos participantes da última quenda que durante 10 días están a realizar diversas actividades que favorecen a súa inclusión social a través das artes

Esta iniciativa traballou para lograr obxectivos educativos, sociais e artísticos co fin de que as persoas con discapacidade participen en actividades de ocio adaptadas ás súas necesidades e accesibles

Ademais do centro residencial do Carballiño, este programa desenvolveuse no albergue xuvenil Gandarío de Bergondo (A Coruña) e na Residencia de Tempo Libre de Panxón, Nigrán (Pontevedra)

O Carballiño (Ourense), 12 de setembro de 2019

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou esta mañá aos participantes da terceira e última quenda dos campamentos específicos para persoas con discapacidade que a Xunta, a través da Consellería de Política Social, organiza na Residencia de Tempo Libre do concello ourensán do Carballiño.

Díaz Mouteira coñeceu as actividades que este programa ofreceu aos seus participantes, un total de 36 personas con discapacidade intelectual con idades comprendidas entre os 11 e 40 anos. O programa, xestionado pola empresa Marexada e dirixido polo educador e actor Xabi López, comezou a principios de xullo e rematará o vindeiro sábado, 14 de setembro, En cada quenda as e os participantes estiveron atendidas/os por un equipo técnico multidisciplinar formado por educadoras/es, terapeutas e profesionais das artes escénicas e do audiovisual. .

O programa Facendo Camiño serviu coma ferramenta educativa e artística para favorecer a súa inclusión a través da realización de diversos obradoiros teatrais (expresión corporal, improvisación, atrezzos...) e da rodaxe de diversas pezas audiovisuais musicais en diferentes formatos (videoclip, lipdub, stop motion, flashmob...). Ademais completaron a súa estancia xogando e coñecendo os arredores de O Carballiño e a súa estreita relación co Camiño, favorecendo así a súa inclusión plena na propia comunidade e cumprindo todos os obxectivos educativos, sociais e artísticos do programa. Segundo os seus monitores “esa é a base real do programa: facer camiño pola inclusión social a través das artes”

A representante do Executivo galego indicou que esta modalidade de campamentos de verán permiten gozar, durante 10 días, dunha estancia socializadora e de convivencia, nun espazo lúdico, humano, integrador, formativo e seguro; mediante o desenvolvemento de actividades dirixidas ao fomento de habilidades sociais, o contacto coa natureza e o mar, ao coñecemento da propia cultura e á educación para a saúde.

En opinión de Marisol Díaz, a Xunta promove este tipo de iniciativas co fin de que as persoas con discapacidade participen en actividades de ocio adaptadas ás súas necesidades e accesibles.

O campamento Facendo Camiño trátase dunha experiencia educativa e artística que se desenvolveu ao longo deste verán, a nivel autonómico, ademais de no centro residencial do Carballiño, no albergue xuvenil Gandarío de Bergondo (A Coruña) e na Residencia de Tempo Libre de Panxón, Nigrán (Pontevedra).

As persoas participantes teñen recoñecida unha porcentaxe de discapacidade igual ou superior ao 33% e unha idade comprendida entre os 11 e os 40 anos, e dispoñen de servizo de aloxamento e manutención en réxime de pensión completa.

Esta é unha das moitas actividades que se incluíron na Campaña de Verán 2019 da Xunta de Galicia O verán que queres vivir, que na provincia ourensá ofertou 1.045 prazas para mozos e mozas de entre nove e 30 anos, distribuídas en sete campamentos e outros tantos campos de voluntariado.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/09/2019