A Xunta convoca os premios ás mellores iniciativas de entidades locais de dinamización demográfica

Os concellos de menos de 20.000 habitantes poderán optar a estes premios, dotados con 77.500 euros, de forma individual ou mediante agrupacións de municipios, mancomunidades ou consorcios locais

O xurado primará os proxectos presentados de forma conxunta entre varias entidades locais

O Goberno galego pretende recoñecer as medidas que leven a cabo as administracións locais para xestionar o declive demográfico e que poidan aplicarse noutros concellos da comunidade galega

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2019

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da primeira edición dos Premios á Dinamización Demográfica para difundir as iniciativas promovidas por entidades locais, de maneira individual ou en conxunto, que teñan por obxecto o impulso e a revitalización demográfica do seu territorio.

Os premios recoñecerán a labor de concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades e consorcios locais da comunidade galega de menos de 20.000 habitantes que conten con iniciativas ou proxectos pilotos que aborden medidas o reto do cambio demográfico con medidas de apoio ás familias, á mocidade, á conciliación familiar e laboral, ao retorno e atracción de nova poboación, á promoción do envellecemento activo e saudable ou a creación do marco necesario para o asentamento da poboación no medio rural.

Estes premios, dotados con 77.500 euros, permiten recoñecer as medidas das entidades locais que resultan eficaces para xestionar o declive demográfico e que poidan aplicarse noutros concellos da comunidade galega. As bases establecen tres categorías de premios e ademais o xurado poderá propoñer outras mencións especiais.

As entidades locais interesadas teñen un mes de prazo desde mañá para presentar as súas solicitudes. Unha vez rematado ese periodo, as inscricións que cumpran os requisitos enviaranse ao xurado para a súa valoración. O xurado estará presidido pola persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local e como vicepresidente o responsable da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Na valoración das candidaturas terán prioridade os proxectos presentados por agrupacións, asociacións de concellos, mancomunidades ou consorcios locais para levar a cabo unha iniciativa común en conxunto, fronte ás formuladas de maneira individual. Nos criterios de valoración tamén se terán en conta a calidade da proposta, os ámbitos sobre os que a iniciativa ten repercusión, o índice de envellecemento no territorio da entidade solicitante, a porcentaxe que supón o investimento nos orzamentos ou a capacidade de aplicación noutros concellos.

O reto que supón o cambio demográfico é unha prioridade estratéxica para o Goberno galego, que pretende abordar a situación cun enfoque integral e transversal. Nesta liña, o anteproxecto de lei de impulso demográfico de Galicia aprobado polo Consello da Xunta o pasado 27 de xuño constitúe o último paso para fixar un marco normativo que avale a actuación das administracións públicas galegas.

As administracións locais veñen desenvolvendo tamén boas prácticas neste ámbito que cómpre visibilizar e recoñecer, finalidade pola que se convoca esta primeira edición dos Premios á Dinamización Demográfica.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/09/2019