A Xunta coordínase co Goberno central para garantir a vixilancia do transporte de produtos vitivinícolas e complementar así o seu novo plan de control da vendima

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, asistiu a unha xuntanza de coordinación que se celebra todos os anos coincidindo coa época da vendima para o control de entrada da uva foránea

O Goberno galego impulsa este ano un novo plan de control da vendima para garantir a calidade diferenciada dos viños das denominacións galegas

Unha vintena de técnicos están a supervisar a entrada de uva nas adegas, a súa procedencia ou que se respecte a produción máxima establecida para as distintas variedades

Ourense, 12 de setembro de 2019

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou esta mañá nunha xuntanza celebrada na Subdelegación de Goberno co obxecto de coordinar os recursos dos Gobernos central e autonómico para o control do transporte de uva na provincia de Ourense nestas datas de vendima e evitar, así, situacións fraudulentas que se poidan producir coa entrada da uva foránea.

Na reunión tamén participaron o subdelegado de Ourense, Emilio González Afonso, responsables da Policía Nacional e Autonómica e da Garda Civil, así como responsables dos consellos reguladores das denominacións de orixe existentes na provincia: Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei.

Trátase de verificar o cumprimento da normativa europea, nacional e autonómica relativa ao transporte destes produtos vitivinícolas e establecer criterios de coordinación entre as distintas Administracións e consellos reguladores para o control de entrada de uva foránea. .

Novo plan de control da Xunta

Díaz Mouteira explicou que estes controis súmanse aos que realizan os propios consellos reguladores para verificar a entrada de uva nas adegas. Ademais, subliñou que este ano a Consellería do Medio Rural está a aplicar un novo Plan do control da vendima co fin de reforzar o control do cumprimento das normas durante o proceso da colleita de uva. Trátase, segundo dixo a delegada territorial, de verificar que todo se fai consonte á normativa de cada consello regulador, é dicir, de acordo cos seus respectivos pregos de condicións e regulamentos.

Marisol Díaz explicoulles aos asistentes á reunión de coordinación que o plan contempla o despregue por parte da Consellería dunha vintena de técnicos que están repartidos polas distintas denominacións de orixe. Neste sentido, a representante do Executivo autonómico explicou que están a controlar cuestións como a entrada de uva nas adegas, a súa procedencia ou que o froito sexa de viticultores e de parcelas inscritos nos rexistros dos consellos reguladores. Ademais, tamén trasladou que o labor dos técnicos é vixiar que se respecte a produción máxima que establece cada prego de condicións para as distintas variedades. Así, concluíu a delegada, aplícase o máximo rigor para evitar situacións fraudulentas que se poidan producir, na procura da Galicia calidade.

Con todas estas medidas, que suporán un investimento de 180.000 euros, búscase “defender e garantir a calidade diferenciada dos viños galegos, dado que a nosa comunidade aposta por ser competitiva en calidade e en darlle valor engadido aos nosos produtos”, remarcou Díaz Mouteira, subliñando a importancia deste sector nunha provincia como a de Ourense que conta con catro das cinco denominacións de orixe existentes en Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/09/2019