A presidenta de Portos de Galicia respondeu na Comisión 8ª a unha pregunta sobre a actividade comercial no porto da Pobra do Caramiñal
A Xunta busca coas partes implicadas unha solución satisfactoria ás posibilidades operativas no porto da Pobra

A empresa de loxística concesionaria xa solicitou unha prórroga do inicio das obras para buscar un espazo alternativo para a súa instalación, algo no que está a traballar Portos de Galicia

A presidenta do ente autonómico lembra que o proxecto busca manter e xerar máis actividade, emprego e riqueza tanto no porto da Pobra do Caramiñal como no conxunto da comunidade autónoma

Susana Lenguas salienta que a concesión outorgouse cumprindo todos os trámites e normativas de aplicación pero que o Executivo galego buscará unha saída que responda ás necesidades das compañías implicadas

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2019

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, explicou hoxe no Parlamento que o seu departamento está a manter contactos coas partes implicadas para buscar unha solución satisfactoria ao proxecto para a instalación dunha zona de depósito de contedores para o almacenamento de produtos pesqueiros no peirao da Pobra do Caramiñal. A máxima responsable do ente dependente da Consellería do Mar lembrou que unha empresa da zona solicitou en 2018 unha concesión para dispor dunha explanada para o acopio de contedores e que, tras facer todas as consultas e requirimentos pertinentes e comprobar que cumpría todas as normativas de aplicación, Portos de Galicia decidiu aprobala.

Non obstante, Susana Lenguas lembrou que, tras comprobar que varias empresas conserveiras e consignatarias presentaron recurso de reposición sobre a concesión, ao igual que o concello da Pobra -que inicialmente concluíu que a petición era autorizable-, a Xunta decidiu iniciar os contactos tanto co concesionario como coas empresas que recorreron para buscar unha alternativa satisfactoria para todas as partes.

De feito, a propia empresa concesionaria solicitou unha prórroga para o inicio das obras en aras de buscar un espazo alternativo, algo no que tamén está a traballar Portos de Galicia posto que o obxectivo da concesión é manter e xerar máis actividade, emprego e riqueza tanto neste porto como no conxunto de Galicia.

Características do proxecto

A empresa solicitante, de servizos loxísticos frigoríficos de produtos da pesca, pedía que se habilitase unha explanada de 1.500 metros cadrados para o depósito de 64 contedores dotados de equipos autónomos de frío, o que melloraría a cadea de frío no proceso de descarga e almacenaxe. Precisamente, esta desestiba seguiría realizándose igual que ata o de agora pero dentro dos contedores frigoríficos sobre camións e sen dificultar as operacións de carga e descarga do resto de operadores.

Co obxectivo de dar resposta tanto ás necesidades da empresa concesionaria, que xera actividade e emprego na zona do Barbanza, como ás peticións das firmas conserveiras e consignatarias que operan no peirao da Pobra, Portos de Galicia seguirá a manter os contactos e a realizar as xestións necesarias para que todas as partes poidan seguir coa súa actividade con normalidade.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 12/09/2019