A Xunta considera que a formación do persoal dos CIM é fundamental para dar a mellor atención ás vítimas de violencia de xénero

O Goberno galego iniciou en xuño un plan de formación que seguirá o 20 de setembro cunha xornada sobre a intervención profesional co colectivo LGTBI e outra o 4 de outubro sobre a asistencia á vítimas da violencia de xénero

A Secretaría Xeral de Igualdade financiará este ano máis de 200 postos de traballo nos Centros de Información á Muller ao abeiro das axudas á entidades locais para a promoción da igualdade

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2019

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe na súa intervención en comisión parlamentaria que a formación do persoal dos Centros de Información á Muller (CIM) é fundamental á hora de dar a mellor atención ás mulleres que requiren o servizo destes centros. Por iso, a Xunta iniciou o pasado xuño un plan de formación de catro xornadas para o persoal dos CIM.

No mes de xuño xa se impartiron dous obradoiros sobre violencia sexual. A próxima xornada de formación será o 20 de setembro e abordará a intervención profesional con persoas do colectivo LGTBI e a última actividade deste plan de formación, prevista para o 4 de outubro, centrarase nos novos programas na asistencia a vítimas de violencia de xénero.

Os CIM realizan un importante labor en prol da igualdade e na loita contra a violencia de xénero en toda a comunidade. Só o ano pasado atenderon a máis de 15.700 persoas a través de máis de 68.500 consultas.

A Secretaría Xeral de Igualdade convoca cada ano unha orde de axudas as entidades locais galegas para a promoción da igualdade que inclúe un programa de apoio aos CIM a través do que se subvencionan postos de traballo para prestar servizos nestes centros. Ao abeiro destas axudas, a Xunta financiará este ano a creación de máis de 200 empregos nos CIM para postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, destacou que Galicia foi pioneira a nivel estatal no compromiso coa igualdade entre homes e mulleres e en contra da violencia de xénero coa aprobación en 2017 dun decreto de formación para todo o persoal funcionario da Administración en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero.

López Abella destacou que o persoal da Administración xeral da comunidade, das entidades públicas instrumentais, o persoal docente, do Servizo Galego de Saúde, da Administración da Xustiza e da Policía Autonómica serán formados neste ámbito. Tamén aclarou que no caso do persoal de novo ingreso que acceda á condición de persoal funcionario de carreira ou laboral fixo da Administración xeral, esta formación en igualdade entre mulleres e homes e en prevención e loita contra a violencia de xénero será obrigatoria. A Xunta pretende con estas medidas garantir unha formación que permita a integración da perspectiva de xénero na totalidade da actuación administrativa.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/09/2019