A Xunta axudará ás universidades públicas galegas a impulsar proxectos de enerxías renovables e eficiencia que permitirán aforros de 600.000 euros ao ano

O Goberno galego avanza na Estratexia de aforro e eficiencia enerxética no sector público autonómico de Galicia 2015-2020 con estas novas actuacións que mobilizarán 8M€

A convocatoria, coa que se pretende desenvolver iniciativas nunha vintena de edificios, publicarase mañá no Diario Oficial de Galicia e o prazo de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 13 de novembro

A Xunta leva investido máis de 19M€ en actuacións en materia de enerxías renovables e eficiencia en edificios da administración pública autonómica e municipal desde o ano 2015

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2019

A Xunta porá en marcha unha nova liña de axudas dirixida ás universidades públicas galegas (A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo) para impulsar proxectos de enerxías renovables térmicas e de aforro e eficiencia enerxética que lle permitirán un aforro de 600.000 euros ao ano na factura, o que supón ao redor do 6%.

A convocatoria, que se publicará mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que manterá aberto o prazo de solicitudes ata o vindeiro 13 de novembro, realizarase en réxime de concorrencia competitiva e contará cun orzamento total, por parte da Xunta, de 6,3M€ para desenvolver accións por un valor de 8 millóns.

En concreto, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Inega, ofrece axudas para proxectos de enerxías renovables térmicas -ás que se destinan o 16,25% do orzamento e que poderán incluír instalacións de biomasa, aerotermia, xeotermia, solar térmica ou iniciativas de district heating- e proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética. Esta liña conta co 83,75% do orzamento total e esixirá que as propostas que se aproben impliquen niveis de aforro, con respecto á situación inicial, de máis do 15%. Incluirá a renovación de elementos construtivos ou de equipos e instalacións; a incorporación de sistemas de control e xestión enerxética; así como certificados de eficiencia e auditorías.

Con esta convocatoria, a Xunta pretende desenvolver actuacións nunha vintena de edificios que se beneficiarán non só dun importante aforro económico, senón tamén enerxético, que equivale a 0,6 millóns de litros de gasóleo anuais. Ademais, evitarase a emisión de 1.400 toneladas de CO2 ao ano, semellante á acción de 70.000 árbores.

Con esta nova medida, o Goberno autonómico continúa a súa aposta polas enerxías renovables e por implantar unha cultura do aforro enerxético en todos os eidos, desde os cidadáns, ás empresas, pasando polas administracións. As axudas enmárcanse no Plan de aforro e eficiencia enerxética da administración pública 2015-2020 que xa leva impulsado actuacións por un importe de máis de 19 millóns de euros e que permitiu desenvolver 864 proxectos nos concellos galegos e 45 en edificios públicos da Xunta. Entre eles destacan a nova instalación de autoconsumo solar de San Lázaro, con 1173 paneis fotovoltaicos e un aforro anual de 50.000 euros; ou a rehabilitación exterior de San Caetano que incorporou novos tellados de tella galega, máis de 1.100 fiestras illadas con madeira de castiñeiro, unha nova envolvente térmica e iluminación led.

Por outra banda, as tres universidades públicas galegas foron incluídas no contrato centralizado da Rede de Enerxía da Xunta de Galicia (Redexga) que foi creada no 2013 e que, desde entón, leva permitido un aforro de 34,2 millóns de euros. O novo contrato abrangue 1790 centros públicos e conta cun orzamento de 82,6M€ para os vindeiros dous anos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/09/2019