A Xunta constitúe o Consello Asesor de Investigación e Innovación de Galicia, cuxa primeira tarefa será avaliar a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3)

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, presidiu a constitución deste órgano do que forman parte as universidades, os centros tecnolóxicos e de investigación, as empresas e parques tecnolóxicos e a cidadanía

A súa misión é asesorar á Administración autonómica en temas relacionados coa investigación, a transferencia, a valorización e a innovación

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2019

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, presidiu hoxe en Santiago de Compostela a constitución do Consello Asesor de Investigación e Innovación de Galicia, un órgano consultivo da Xunta cuxa función é asesorar á Administración autonómica en temas relacionados coa investigación, a transferencia e a valorización de coñecemento e a innovación.

O órgano consultivo está formado por expertos representantes das universidades galegas, os organismos públicos de investigación, os centros tecnolóxicos, as empresas, os parques científico-tecnolóxicos, a cidadanía e a Administración autonómica. Unha das primeiras tarefas que terá que afrontar este novo órgano será participar na avaliación intermedia da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que está en marcha.

O Consello Asesor de Investigación e Innovación ten atribuídas as funcións de apoio na planificación, seguimento e avaliación das políticas de investigación e innovación en Galicia; elaborar informes relativos á situación e ás tendencias no ámbito da I+D+i; identificar proxectos no sector empresarial que se poidan achegar ás entidades de investigación para o desenvolvemento de obxectivos de mercado baseados nos resultados destas; e realizar propostas de actuación e dinamización da investigación e innovación que poidan ser trasladados ao Consello de Política Científica e Tecnolóxica e de Innovación a través da representación galega nel.

Patricia Argerey, como presidenta do consello asesor, solicitoulle aos seus membros que trasladen neste foro as necesidades e inquedanzas dos colectivos aos que representan, co obxectivo de contribuír a deseñar o futuro da política de I+D+i en Galicia, xa que desde a Xunta de Galicia “queremos facer unha política de I+D+i que responda ás necesidades de todo o ecosistema galego de innovación”.

Neste senso, Argerey subliñou que a innovación está cada vez máis presente e resulta máis imprescindible ca nunca, por iso apuntou que “temos que conseguir que a innovación xere valor non só para as empresas -para fortalecer a nosa capacidade competitiva, de crecemento e de creación de emprego de calidade-, senón que xere valor para a cidadanía, que achegue solucións aos problemas sociais e permita afrontar mellor os cambios e transformacións que a sociedade está a experimentar”. A directora de Gain fixo fincapé na necesidade dunha innovación socialmente responsable, que contribúa a unha sociedade máis integrada e xusta, especialmente en ámbitos como a promoción da autonomía persoal de persoas con discapacidade e a igualdade de xénero.

Data de actualización: 12/09/2019